Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO PRESENTOU CO GALP GOLFO ÁRTBARO NORTE E FEDEPESCA A IMAXE DO PROXECTO "NARÓN EMPRENDE EN AZUL"
O edil de Promoción Económica presentou a nova imaxe acompañado por María Antonia Fernández, xerente do GALP Golfo Ártabro Norte, e María Luisa Álvarez, directora xerente de Fedepesca
Narón, 23 de decembro de 2021. O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentou esta mañá xunto con María Antonia Fernández, xerente do GALP Golfo Ártabro Norte, e María Luisa Álvarez, directora xerente da Federación Nacional de Asociaciones Provinciales de Empresarios Detallistas de Pescados y Productos Congelados (Fedepesca) a imaxe do proxecto “Narón emprende en azul”. A iniciativa, tal e como indicou Pita, suporá un investimento de 46.352 euros, dos que o GALP subvencionará 41.717 e o Concello aportará os 4.635 euros restantes. O Concello recibiu esta subvención da Consellería do Mar, ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. Pita asegurou que se trata dun proxecto “moi ambicioso, que consiste na valorización do mar da costa de Narón en canto á promoción económica de empresas e o turismo máis o sector pesqueiro, para darlles esa diversificación e opción de sumar valor engadido aos produtos do mar”. O edil naronés explicou que o proxecto consta dunha ampla gama de actividades que comezarán o vindeiro mes de xaneiro cun curso de Formación en Turismo Mariñeiro e outro da UNED de Experto profesional en comercialización de produtos da pesca, que se desenvolverán no local social do Alto no primeiro dos casos e online no segundo. A xerente do GALP Golfo Ártabro Norte recoñeceu que “estamos encantados con este tipo de proxectos que van poñer sempre en valor o produto pesqueiro do Golfo Ártabro, neste caso para transformar e comercializar este produto”. María Antonia Fernández desexou que este curso teña gran aceptación entre as persoas ás que se dirixe e que saian moitos emprendedores deste territorio. Pola súa banda, María Luisa Álvarez, de Fedepesca, valorou positivamente o feito de poder colaborar co Concello de Narón, “con moitas ganas de traballar pola cadea de valor pesqueira, cun proxecto ambicioso e do que en xaneiro abriremos o prazo para inscribirse no curso organizado en colaboración coa UNED”. Sobre o mesmo explicou que se trata dunha formación acreditada de 400 horas a distancia impartidas por profesionais e que abarca “absolutamente todas as materias necesarias para desenvolverse con maior profesionalidade no ámbito da comercialización pesqueira, sendo o único curso que existe en Europa destas características, polo que é impresionante que o Concello ofreza quince prazas becadas”. No referente ao Curso de Turismo Mariñeiro, Álvarez sinalou que “coñecendo as posibilidades que ten este concello, que pode presumir do seu desenvolvemento e da Rede Natura, a costa de Narón…. Poderá poñer en valor as actividades pesqueiras das confrarías da zona para potenciar o turismo mariñeiro”. En colaboración coas Confrarías de Barallobre e Ferrol e da Asociación de Percebeiros de Meirás apóstase pola mellora da formación dos operadores pesqueiros para introducir novos produtos con valor engadido e ofrecerlles unha formación que lles permita diversificar as súas accións e emprender novas iniciativas. O Concello encargouse do deseño dixital da imaxe do proxecto para a súa identificación e promoción, tal e como se comprometerá, e o vindeiro ano desenvolveranse varias actividades, entre elas as dúas accións formativas anteriormente citadas.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal