Concello de Narón
Espa�ol
Entrada a Naronmail
 

Deportes Cultura
Deportes Cultura
Policía Local de Narón dameuntoke
Policía local Mocidade
Concellería de Igualdade Biblioteca de Narón
Igualdade Biblioteca de Narón
Turismo de Narón Do berce á rúa
Turismo Do berce á rúa
Outras webs Narón, Cidade Fidalga
Outras Webs Narón, Cidade Fidalga
Servizo de Normalización Lingüística Buscocole
Servizo de Normalización Lingüística Buscocole
Novas
 
O BIPARTITO NARONÉS APROBOU NO PLENO UN ORZAMENTO MUNICIPAL DE 35,5 MILLÓNS DE EUROS PARA 2022
O BIPARTITO NARONÉS APROBOU NO PLENO UN ORZAMENTO MUNICIPAL DE 35,5 MILLÓNS DE EUROS PARA 2022
A alcadesa, Marián Ferreiro, asegurou que o documento "traduce en cifras os proxectos e a ilusión cos que os levaremos a cabo en 2022"
Narón, 30 de decembro de 2021. O bipartito naronés –TEGA e PSOE- aprobou esta mañá no último pleno do ano o orzamento municipal correspondente ao vindeiro ano, que ascende a 35,5 millóns de euros, o máis elevado da historia da cidade. A alcaldesa, Marián Ferreiro, subliñou a importancia de aprobar os orzamentos antes de que finalice o ano e incidiu na vertente social dos mesmos, ao tempo que agradeceu o traballo do persoal funcionario e as compañeiras e compañeiros do grupo de goberno para poder pechar as contas do vindeiro ano e levalas ao pleno de hoxe. “Este documento traduce en cifras os proxectos e ilusións cos que os levaremos a cabo no ano 2022”, recalcou, destacando que “son uns orzamentos feitos para as persoas”.
O edil de Facenda, Román Romero, destacou o feito de que se trata dun orzamento marcado pola pandemia e no que “un ano máis se prioriza a atención ás persoas, sendo principalmente sociais”. Así mesmo, incidiu no feito de que un ano máis o Concello non ten contraída débeda bancaria e tamén que se manteñen conxelados os impostos e se incrementarán na medida do posible os baremos de bonificación de taxas para axudar ás familias máis vulnerables da cidade “sen incrementar a presión fiscal á veciñanza”.
O portavoz do PSOE, David Pita, sinalou que “é un orzamento récord, marcado pola conxelación de impostos e que indica que Narón está prosperando con este goberno”. Ao igual que Romero, destacou os incrementos nas inversións das áreas de Igualdade, Cultura, Educación.
A rehabilitación do muíño de Xuvia e a construción dun tramo da senda peonil e ciclista que enlazará os paseos de Xuvia e Freixeiro, concretamente o comprendido entre o muíño de As Aceas e o Camiño do Peregrino están entre os principais investimentos do vindeiro ano, estando valorados os dous nuns 900.000 euros. A eles súmanse, entre outros, a dotación dunha partida de 433.000 euros para habilitar unha zona verde con equipamento no entorno da rúa Camiño do Peregrino; 374.000 para recuperación de chan urbano para usos públicos amables co medio ambiente; e 600.000 para o estacionamento do novo centro de saúde.
Na sesión aprobouse por unanimidade a adhesión do Concello ao convenio entre a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Federación Española de Municipios e Provincias en materia de intercambio de información tributaria e colaboración na xestión recadatoria coas entidades locais.
Así mesmo, saíu adiante, coa abstención do PP, o recoñecemento de obrigas procedentes de exercicios anteriores con cargo ao orzamento deste ano derivadas dos gastos efectivos do servizo de depuración do periodo de xaneiro a decembro do pasado ano ao Concello de Ferrol. A maiores, en relación ao citado servizo, a corporación local aprobou de xeito unánime o acordo entre os concellos de Narón e Ferrol para repartir os custos asociados ao proxecto de construción e posta en marcha das instalacións de medida e rexistro de caudais de augas residuais urbanas xestionadas polos interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol. O Consistorio avanza así nos trámites acordados na xuntanza mantida a mediados do pasado mes de novembro con Acuaes e ambos Concellos para o reparto deses custos.
No apartado de mocións aprobouse co respaldo de todos os grupos a presentada polo BNG sobre a retirada das cabinas telefónicas e mobiliario urbán en desuso, co compromiso de realizar un inventario dos elementos e solicitar ás empresas propietarias esa retirada.
Os grupos municipais de TEGA e PSOE presentaron unha moción solicitando á Xunta unha mellor cobertura das ambulancias de Urxencias sanitarias do 061 en Narón, reclamando pasar a actual Unidade de Soporte Vital Básico de 12 a 24 horas e incrementar a base de Narón cunha Unidade de Soporte Vital Avanzado. A moción aprobouse coa abstención dos edís populares. O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, aludiu ás recomendacións nesa área da OMS e á importancia de incrementar esa cobertura debido á poboación que se atende dende esta área sanitaria “para mellorar o servizo e os tempos de atención aos pacientes”.
Aprobouse a maiores a moción presentada polo grupo municipal do PP para iniciar a transformación en vía verde das antigas infraestruturas do ferrocarril que quedaron en desuso dende a modificación do trazado de vía estreita á altura de Freixeiro coa chegada da AP-9 a Ferrol e tamén a recuperación do proxecto da instalación de dobre vía dende Xuvia ata Ferrol.
Finalmente, entre as mocións presentadas aprobouse a presentada polo PSOE con motivo da reforma da Lei de Seguridade Cidadá ou “Lei mordaza”, que defendeu o portavoz socialista, David Pita, aludindo ás melloras implantadas dende o goberno central en medios técnicos e persoais nos últimos anos. “Cremos que é unha lei necesaria e que non se poden minguar os dereitos fundamentais”, apuntou.



Últimas novasu Tódalas novas

<<< Maio 2022 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
6
7
8
9
10
11
13
14
15
16
17
20
21
22
24
25
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
   
 
Concello de Narón - Aviso legal