O CONCELLO RETRANSMITIRÁ VÍA STREAMING A FASE FINAL DAS "III OLIMPÍADAS ESCOLARES DE SEGURIDADE VIARIA"
Alumnas e alumnos de nove centros de ensino da cidade participarán na convocatoria, que se desenvolverá no Pazo da Cultura
Narón, 11 de xaneiro de 2022. O Pazo da Cultura acollerá mañá a fase final da terceira edición das Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria e o acto de entrega de premios. A convocatoria desenvolverase entre as 10.00 e as 12.00 horas e retransmitirase vía streaming a través do enlace: https://youtu.be/ly08-xhQ110. Máis de trescentos alumnos e alumnas de cuarto e quinto de Primaria de nove centros de ensino da cidade participaron nesta edición das olimpíadas, que se iniciaron o pasado mes de outubro.
Na fase final que se celebrará mañá grupos de seis participantes de cada centro realizarán ao mesmo tempo un cuestionario de trinta preguntas tipo test. O resultado do test sumarase á puntuación obtida nas dúas fases anteriores, a teórica nas aulas e a práctica da gincana para determinar ao alumnado do centro gañador desta edición.