Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APROBADOS DEFINITIVAMENTE OS ORZAMENTOS MUNICIPAIS DO CONCELLO AO DESESTIMARSE NO PLENO AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS
O orzamento publicarase nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia (BOP) antes da súa entrada en vigor
Narón, 7 de febreiro de 2022. O Concello acolleu esta mañá, ás 9.00 horas, un pleno extraordinario no que se inadmitiron, en base a un informe da Intervención municipal, as reclamacións presentadas por bombeiros do Servizos de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) contra o acordo de aprobación inicial dos orzamentos municipais. No citado informe especifícase que as reclamacións presentadas “non se dirixen contra ningún documento que forme parte do orzamento, toda vez que as valoracións e asignacións dos complementos específicos se realizan pola RPT”. O orzamento, definitivamente aprobado, publicarase agora no Boletín Oficial da Provincia para a súa entrada en vigor. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asegurou, ao igual que o resto dos grupos da corporación local, que “estamos moi orgullosos dos traballadores que temos” e incidiu no feito de que “así o amosamos coa vontade política de crear un parque propio que funciona dende hai sete anos”. A rexedora local recordou que os representantes do Speis se reuniron de novo a pasada semana cos concelleiros de Persoal, Pablo Mauriz, e SPEIS, Román Romero, o que reitera esa vontade negociadora por parte do goberno local. “En ningún momento poñemos en dúbida a profesionalidade e os esforzos que realizan, neste caso, os profesionais do Speis”, recalcou. O edil responsable do SPEIS, Román Romero, aludiu no pleno aos motivos de presentación das reclamacións estipulados na ley, incidindo en que non se axustan ás presentadas polo colectivo. Pola súa banda, o portavoz do PSOE, David Pita, apuntou que “a aprobación dos orzamentos non debe entrar en problemas de negociación colectiva e apelou ao diálogo entre as partes”. Tralo pleno, o edil de Persoal, Pablo Mauriz, explicou que “dende o Concello sempre se interactúa cos membros do comité de empresa, formado por distintos sindicatos, e os bombeiros teñen un representante nese comité e na Xunta de Persoal e todas as demandas dos traballadores e traballadoras do Concello sempre se atenden dende a Xunta de Persoal”. O concelleiro apuntou ao respecto que “esa Xunta de Persoal aprobou o pasado mes de decembro con todos os votos a favor, incluso dese representante dos bombeiros, a negociación que se levou a cabo para o período 2022-2024, un acordo que consideramos satisfactorio porque beneficia a traballadores e traballadoras do Concello, entre os que están eles”. En canto ás instalacións Mauriz avanzou que “unha empresa realizará un estudo para mellorar esas infraestruturas porque o parque de bombeiros a nivel de material aumentou moito nos últimos anos e iso fai que sexa preciso adaptar esas instalacións ás necesidades actuais”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal