Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
CONCENTRACIÓN SILENCIOSA ANTE O CONCELLO E IMPLANTACIÓN DE VÍAS DE COLABORACIÓN CIDADÁ EN COORDINACIÓN COA FEMP PARA APOIAR A UCRAÍNA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a concentración, á que acudiron outros representantes da corporación local, traballadoras e traballadores do Concello e algúns veciños e veciñas da cidade
Narón, 9 de marzo de 2022. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a concentración silenciosa de cinco minutos que se levou a cabo hoxe ás 12.00 horas fronte á porta principal do Concello. O Consistorio secunda a proposta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), para amosar o rexeitamento das administracións e diputacións á invasión do país. Á convocatoria acudiron representantes da corporación local e traballadoras e traballadores do Concello, así como veciñas e veciños da cidade. Dende o Consistorio trasladouse deste xeito o apoio e afecto ás persoas que sofren as consecuencias deste conflito bélico de Rusia contra Ucraína, tal e como se traslada no comunicado da FEMP. Así mesmo, dende o goberno local recordouse que se habilitaron tres instalacións municipais para recoller produtos de primeira necesidade para a poboación de Ucraína, podendo deixar as súas doazóns as persoas que poidan colaborar no Centro de Recursos Solidarios de Narón –de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 e os mércores tamén de 17.00 a 19.00 horas-; e nos Centros Comunitarios das Vivendas da Mariña e Manuela Pérez Sequeiros –en ambos casos de 9.30 a 21.00 horas-. Pódese doar ata o 18 de marzo (incluído) comida non perecedeira, roupa térmica, sacos de durmir, mantas, produtos de hixiene persoal, kits de costura, luvas e calcetíns, esterillas e colchonetas, servilletas húmidas e powerbanks para a poboación civil. Tamén se recollen lanternas e baterías, ferramentas de supervivencia, tendas de campaña, mecheros, produtos sanitarios –botiquíns, vendas, talco…, botas militares. No que respecta aos medicamentos, en función das indicacións realizadas dende entidades que traballan nesta iniciativa solidaria, tamén se solicita auga osixenada, alcohol, antisépticos, suero fisiolóxico, luvas de látex ou vinilo, tiritas, máscaras… Os produtos que se doen non poden ir envasados en cristal, debido ao transporte dos mesmos. Tamén esta mesma mañá a concelleira de Benestar Social e Participación Cidadá, Catalina García, participou nunha xuntanza telemática coa FEMP. No transcurso da mesma abordouse a necesidade de priorizar as achegas económicas, considerándoas “máis eficientes” para atender á poboación afectada e recomendaron facelas a través das entidades: - Coordinadora Galega de ONGD: https://galiciasolidaria.org/como-apoiar-a-poboacion-na-ucraina/ - Cruz Vermella, Media Lúa Vermella e Comité Internacional da Cruz Vermella: https://www.icrc.org/es/donate/crisis-en-ucrania - Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas. Fondo Humanitario para Ucraína: https://www.unocha.org/ukraine/about-uhf - Axencia das Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas (ACNUR): https://eacnur.org/es/crisis-ucrania García apuntou tamén que se pediu aos concellos que rexistren as vivendas dispoñibles para acoller a poboación refuxiada, podendo as familias da cidade interesadas en colaborar nesta medida informar ao Consistorio enviando un correo electrónico á dirección: concellerias@naron.es indicando un nome e apelidos e un teléfono de contacto. Así mesmo, incidiuse en descartar as as iniciativas individuais para recibir a menores non acompañados, lembrando que existe un sistema de acollida institucionalizado e que, na medida do posible, as nenas e nenos deben reagruparse coas súas familias.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal