Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
INAUGURADO NO PAZO DA CULTURA O "8º CONGRESO NACIONAL DE PACIENTES CRÓNICOS" ORGANIZADO POR SEMERGEN
O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, participou no acto inaugural, que tivo lugar esta tarde ás 17.30 horas
Narón, 12 de maio de 2022. O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, participou esta tarde, ás 17.30 horas, no acto inaugural do “8º Congreso Nacional de Pacientes Crónicos” impulsado pola Sociedad Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen) e cuxo presidente do Comité organizador é o doutor Carlos Piñeiro. Unhas trescentas persoas: profesionais sanitarios, representantes de entidades, do sector hostaleiro, da docencia e pacientes crónicos e 37 poñentes, inscribíronse segundo a organización nesta convocatoria, que se desenvolve baixo o lema “Futuro e saúde 4.0. Compromiso global”. A finalidade da convocatoria é establecer un marco científico no que os pacientes crónicos sexan os protagonistas e no que se manifeste que a Atención Primaria de saúde “é o personaxe principal na xestión do paciente crónico, favorecendo a estratexia para a abordaxe da cronicidade e o empoderamento dos pacientes crónicos, empregando a transformación dixital do sistema sanitario para o seu mellor desenvolvemento”, tal e como indican dende a organización. O programa desta convocatoria incluíu, dende as 10.00 horas, obradoiros de “Nutrición cardiosaudable e dieta Ártabra”; “Vacunación no adulto e no paciente crónico; experiencias das asociacións”, un circuíto de saúde e mesas sobre “Experiencias en tecnoloxía e cronicidade, revolución en saúde rural”; “Estilos de vida saudable: elementos clave na saúde comunitaria e Saúde cardiovascular”, unha necesidade no noso entorno comunitario. No acto inaugural, presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio García, o concelleiro naronés estivo acompañado polo vicepresidente primeiro de Semergen, Rafael Micó, o presidente do Comité organizador do evento, Carlos Piñeiro, e a presidenta da Alianza General de Pacientes, Pilar Martínez. Na súa intervención, o edil naronés felicitou á organización polo traballo realizado e agradeceu a decisión de que se levase a cabo en Narón, “unha cidade moi comprometida co ámbito sanitario”. Ao respecto, recordou que o Concello está adherido á Red Española de Ciudades Saludables e á Estrategia Nacional de Promoción de la Salud. “Temos un firme compromiso coa promoción e a protección da saúde en particular e co benestar da cidadanía en xeral”, recalcou. Galego aludiu a algunhas iniciativas impulsadas dende o goberno local, como camiñatas, dietas saudables, obradoiros de cociña, charlas... que se promoven entre persoas de todas as idades e subliñou o papel que xogan as administracións “na atención aos pacientes crónicos a nivel social, implicándonos en iniciativas conxuntas coas que poder mellorar a súa calidade de vida”. Tralo acto inaugural deu comezo a primeira conferencia, a cargo de Teresa Jorge Mora, do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Ao longo da tarde continuaron os obradoiros en diferentes ubicacións do Pazo da Cultura, sobre a tensión arterial, os dolores de peito e os coidados dos ollos. O congreso continuará mañá a partir das 10.00 horas coa mesa “Mellorando a saúde mental en pacientes con enfermidades crónicas”, un circuíto de saúde, e outras dúas mesas, sobre a cronicidade e o horizonte da cronicidade, para rematar sobre ás 14.00 horas. As persoas interesadas en consultar o programa ao completo poden facelo a través da páxina web: www.semergen.es.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal