Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA CLAUSUROU HOXE NO PAZO O "3º CONGRESO GALEGO DE SEGURIDADE E EDUCACIÓN VIARIA DE NARÓN"
Marián Ferreiro, destacou a calidade das intervencións e agradeceu a asistencia e colaboración de todas as persoas que acudiron á convocatoria
Narón, 20 de maio de 2022. O “3º Congreso de Seguridade e Educación Viaria de Narón”, organizado polo Concello, en colaboración coa Red de Ciudades que Caminan rematou este mediodía no Pazo da Cultura. A alcaldesa, Marián Ferreiro, foi a encargada de clausurar este evento. A coordinadora da Red de Ciudades que Caminan, Ana Montalbán, leu a declaración de Narón sobre espazos seguros e amables. Un documento no que se fixo especial fincapé en facer das cidades lugares máis sostibles atendendo ao incremento poboacional, o respecto ao medio ambiente, o benestar das persoas, o desenvolvemento económico, o espazo público e outras formas de mobilidade. A continuación Ferreiro agradeceu a implicación de todas as persoas que participaron na convocatoria e fixeron posible o desenvolvemento deste congreso na cidade, destacando a importancia dos contidos abordados na convocatoria tanto na xornada de onte como hoxe. Así mesmo, convidou aos asistentes a acudir á vindeira edición de este evento que prevé programar novamente o Concello para dentro de dous anos. A programación desta última xornada iniciouse ás 10.00 horas, cunha mesa sobre “Cooperación internacional” moderada por María Pérez, docente de inglés e español, e na que participaron Laura Daniela Gómez, coordinadora de proxectos en Despacio.org en Colombia, e Emrak Kocak, coordinador do equipo de proxectos da UE da Dirección Provincial de Educación Nacional de Komya (Turquía). Na segunda parte na que se desglosou a mesa interviñeron alumnos de IES de Narón e comarca, concretamente Iago Grueiro, do IES Catabois, e Javier Oliveira, do IES As Telleiras. A esta mesa acudiu como público alumnado dos institutos anteriormente citados e tamén do colexio do Feal, dos CPR Ayala e Santiago Apóstol e dos CEIP Piñeiros, Ponte de Xuvia e A Gándara. Os modos de internacionalizar as escolas, a utilización racional dos vehículos nas cidades, os beneficios da cooperación internacional e as accións propostas para promover a internacionalización nesta área foron algúns dos asuntos sobre os que se debatiu na última mesa. A xeógrafa Marta Román Rivas expuxo a súa experiencia profesional para dar voz e espazo a colectivos que non están xeralmente representados na toma de decisións sobre a cidade, como infancia, mozas e mozos e persoas maiores. Para facelo, contou coa colaboración dun grupo de escolares, que ofreceron a súa particular visión sobre esta temática. “Para facer seguridade da boa temos que correr riscos, exponernos, como por exemplo para a nivel municipal peatonalizar rúas ou ampliar beirarrúas”, asegurou Marta Román. As conclusións sobre as diferentes mesas celebradas déronse a coñecer ao final do acto, incidindo na importancia de que o espazo público sexa sostible, saudable e seguro, ao tempo que autónomo e integrador e tamén na relevancia da cooperación internacional “para coñecer outras realidades e poñer en valor o traballo que facemos cada un de nós”. No exterior do Pazo o alumnado foi tamén o protagonista, participando en actividades impulsadas por unha das empresas colaboradoras deste Congreso, Renault Caeiro da Coruña.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal