Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
TEGA E PSOE APROBAN UNHA MODIFICACIÓN DE CRÉDITO PARA INVESTIR MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS NA CIDADE
A corporación local aprobou durante a sesión o borrador do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS)
Narón, 30 de xuño de 2022. O Concello acolleu esta mañá o pleno ordinario do mes de xuño, no que Terra Galega e PSOE aprobaron unha modificación de crédito que permitirá investir 1.046.227 euros na cidade. O voceiro de TEGA e concelleiro de Facenda, Román Romero, destacou que do total da partida, algo máis de 725.000 euros destinaranse á reparación de viais tanto na zona urbana como na rural do municipio. A reparación e conservación de vías públicas destínanse 90.000 euros, e a maiores resérvanse partidas para a reparación de pavimento e reforzo de rodadura en camiños do Val e San Mateo; reparación asfáltica nos camiños de Liñares, Igrexa Vella, Revolta, Polaimo, Costeira, Pereiro, Villallonte e outros da zona; o reforzo da rodadura nos de Santá, Costa, Gradaílle e O Pozo, e tamén nas rúas Fonte de Neixa, María Pita, Valle Inclán, Río Eume, Souto e Castro, a repavimentación na travesía de Borrallada e Faxín e o afirmado de camiños en Berruga e Prados. Ademais contémplanse entre as actuacións previstas a repavimentación da pista polideportiva de San Mateo e do entorno do muíño de Xuvia. Así mesmo, con cargo ao modificado de crédito procederase a destinar uns 60.000 euros a pintar o exterior da escola unitaria da Faísca, o interior da do Feal, a mobiliario para as aulas anexas do colexio de Piñeiros e a adaptación e mellora da cociña da Escola Infantil Municipal da Solaina. Entre os investimentos tamén figuran, entre outros, a construción dun apiario en Sedes e a construción de bases de contedores de Residuos Sólidos Urbáns na zona rural, así como partidas específicas para aportacións municipais a actuacións do plan Edusi, cofinanciado con Fondos Europeos. Na sesión plenaria aprobouse inicialmente o borrador do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) proposto polo equipo redactor e cun informe sobre o primeiro proceso de participación cidadá. O borrador, tal e como indicou o edil de Urbanismo, Manuel Ramos, someterase a exposición, información pública e audiencia dos interesados durante trinta días antes de proceder a resolver as posibles alegacións para elaborar o documento final. O borrador publicarase na web municipal: www.naronparticipa.es. Así mesmo, obtiveron o respaldo unánime da corporación a modificación da ordenanza reguladora da taxa pola prestación dos servizos das Escolas Infantís Municipais; o regulamento da caixa municipal de garantías e depósitos do Concello de Narón e a modificación da ordenanza de intervención na execución de obras, actividades e servizos, a modificación da ordenanza reguladora da administración electrónica do Concello e a da de rotulación de vías urbanas diseminadas e numeracións de edificios do concello. Estas catro últimas normas están incluídas no Plan Normativo 2022. O Concello renovou trala aprobación plenaria o acordo coa Universidade da Coruña para o transporte escolar universitario dos cursos académicos 2022-2023, 2023-2024, 2024-2025 e 2025-2026 para persoas empadroadas en Narón que cumpran os requisitos establecidos no acordo. A corporación local levou ao pleno unha declaración institucional con motivo do Día do Orgullo LGTBI, amosando o seu firme compromiso na defensa dos dereitos das persoas LGTBI e comprometéndose a continuar loitando para erradicar condutas que atenten contra a dignidade do colectivo. No apartado de mocións aprobouse a presentada polo BNG e defendida pola voceira do grupo, Olaia Ledo, sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cos votos a favor dos edís de TEGA e PSOE e a abstención do PP, recoñecendo o traballo das traballadoras do servizo e instando á Xunta a mellorar as condicións dos contratos do mesmo. Saíu tamén adiante a moción do PSOE sobre as dificultades das explotacións produtoras de carne en Galicia, que defendeu o voceiro socialista, David Pita, e apoiada polos edís de TEGA e BNG e co voto en contra do PP e a presentada polo PSOE e TEGA para instar á Xunta a acondicionar e modernizar a estrada de Cedeira (AC-566), que obtivo o respaldo unánime da corporación local. Nesta última, a alcaldesa reiterou a disposición do Concello a analizar a viabilidade de asinar un convenio de colaboración, tal e como se trasladou á Xunta, para realizar unha actuación integral que suprima as barreiras arquitectónicas do vial, entre outras melloras. “Nunha reunión co expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Marián Ferreiro xa lle trasladou os problemas deste vial e presentoulle ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, unha memoria valorada dos traballos precisos, porque incumpre toda a normativa de accesibilidade, e aínda estamos á espera de que nos contesten”, denunciou o edil de Urbanismo.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal