Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
OS GRUPOS MUNICIPAIS REALIZAN UNHA FOLGA DE FAME EN SOLIDARIEDADE COS USUARIOS DAS ESCOLAS INFANTIS
Reclaman á Xunta de Galicia que se comprometa na financiación destos centros públicos como o fai no resto de concellos de Galicia.
Narón, 17 de Abril de 2012.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e os grupos políticos con representación municipal (agás o PP) iniciaron ás 12:00 horas de hoxe un peche no Concello e unha Folga de Fame que durará 24 horas, ata as 12:00 horas de mañá mércores. Así, os grupos de Terra Galega, PSdeG-PSOE, BNG e Converxencia Galega manifestan o seu compromiso co colectivo de traballadores e usuarios das Escolas Infantís Municipais de Narón (A Solaina, Piñeiros e A Gándara), cuxas ANPAS teñen iniciada outra folga de fame solidaria, esta vez indefinida, ás portas do Concello dende o pasado 11 de abril. Reclaman á Xunta de Galicia que se comprometa formalmente no financiamento do terzo que lle corresponde nas Escolas Infantís Municipais, para poder sacar a concurso a súa xestión de cara ó vindeiro curso 2012-2013. Polo de agora, está garantizada a aportación do Concello de Narón e dos usuarios (pais/nais) das EIM, faltando tan só o compromiso da administración autonómica, quen ten transferidas as competencias educativas. A este respecto, o Alcalde de Narón declarou que este concello leva dende o ano 2009 pedindo á Xunta de Galicia que asuma a xestión das EIM como o fai noutros concellos, a través do Consorcio Galego de Servizos Sociais e Igualdade. “Narón se volcou en facelas porque a Xunta non tiña vontade de acometer estas obras. As construímos co noso esforzo, e coa axuda dos fondos FEDER e agora a Xunta ten que comprometerse no seu financiamento porque así o establece a lei, e porque de non facelo, as escolas infantís non poderán abrir as súas portas no vindeiro curso”, explicou o Alcalde. A parte correspondente á Xunta de Galicia (é dicir, un terzo do total) establécese en 600.000 euros aproximadamente –para as tres escolas-, ascendendo a 800.000€ no caso de abrirse a EIM de Xuvia, rematada pero sen inaugurar. É dicir, que o terzo que lle correspondería por lei á administración autonómica rondaría os 200.000€ por centro, unha cantidade menor da que aporta anualmente o Concello de Narón, quen tamén faise cargo das bonificacións dos usuarios (nos casos de rentas baixas) e de cubrir o déficit que ía causando a Xunta de Galicia nos últimos anos, coa reducción das súas aportacións. “Esta situación é insostenible, levamos meses anunciándoo, e se a Xunta de Galicia cree que podemos asumir esos 800.000€ que eles deixarían de aportar, están moi equivocados. Non podemos quitalos dos nosos orzamentos”, declarou o Alcalde, salientando que a actitude da Xunta de Galicia neste tema parece a propia de alguén que intenta “poñer ó Concello de Narón entre as cordas, para que nos enfrentemos ós nosos veciños. Pero non o van a conseguir”, explicou José Manuel Blanco. A Folga de Fame Solidaria que protagonizan hoxe os representantes políticos municipais –que pernoctarán no Concello- está aberta á participación de todolos veciños/as que o desexen, levándose a cabo no Salón de Plenos. O Alcalde definíu esta iniciativa coma “un xesto solidario cos pais e nais das escolas infantís, que levan case unha semana ás portas do Concello e en folga de fame. Este é un acto de responsabilidade e de apoio, non é unha medida de presión”, aclarou José Manuel Blanco. Por outra banda, o Alcalde informou de que se manterá unha xuntanza o vindeiro día 27 de abril coa directora xeral de Dependencia e Benestar, Coro Piñeiro, e os pais e nais dos usuarios das EIM. “Agardamos que a representante da administración autonómica veña coa vontade política de resolver esta situación, para o cal é preciso un compromiso escrito da Xunta de Galicia de cal vai a ser a súa aportación económica”, explicou o Alcalde, engadindo a necesidade de asinar un convenio no que se concreten estas partidas.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal