A ALCALDESA PRESIDIU O ACTO DE TOMA DE POSESIÓN COMO FUNCIONARIO DE CARREIRA DUN NOVO AXENTE DA POLICÍA LOCAL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou a incorporación do novo axente á Policía Local da cidade
Narón, 2 de febreiro de 2022. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu hoxe o acto de toma de posesión do seu cargo como funcionario de carreira dun novo axente da Policía Local, Pablo Rey Souto. No acto estiveron tamén presentes o secretario Xeral do Concello, Alfonso de Prado, a xefa de Recursos Humáns, Marián Manteiga, e o xefe da Policía Local da cidade, Eduardo Pita.
O axente que asinou esta mañá a súa toma de posesión iniciou a finais do pasado mes de decembro o segundo período de prácticas na cidade, rematadas o pasado luns, e xa completou a súa formación teórica nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), ubicadas no concello da Estrada, en Pontevedra.
Marián Ferreiro deu a benvida a Pablo Rey e destacou o incremento no persoal da Policía Local, integrado na actualidade por 38 axentes. Ferreiro destacou a incorporación do novo axente e valorou a vocación de servizo público do citado Corpo de seguridade, “cun gran compromiso, conciencia de servizo público e responsabilidade para velar pola seguridade da cidadanía”.