A representación desta peza da compañía Ibuprofeno Teatro poderá verse os días 11 e 12 de febreiro, ás 20.30 e 20.00 horas respectivamente
Narón, 9 de febreiro de 2021. O Pazo da Cultura de Narón acollerá esta fin de semana unha nova estrea teatral. Nesta ocasión, será a cargo da compañía Ibuprofeno Teatro, que trae á cidade a obra de teatro contemporáneo “Smoke on the water”. As dúas funcións previstas terán lugar este venres, ás 20.30 horas, e o sábado ás 20.00 horas e o prezo das entradas é de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para as tarifas reducidas e abonados. Poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.
Un vendedor de discos e vinilos de colección ancorado no rock and roll dos anos 70, Ritchie, e unha estudante universitario de Filosofía, Janis, manteñen a súa unión despois de case 25 anos de crise matrimonial permanente, ancorados nun sistema de relacións de dependencia imposible de desenlear. A aparición dun gigoló, Álex, marcará esa relación ao namorar a Janis, ao tempo que se fai amigo de Ritchie. Así a situación, entra en escea Joan Baez, unha empregada de banca que xestiona a hipoteca de Ritchie, clienta de Álex e que propicia un final pateticamente feliz ao enredo amoroso-financieiro entre este grupo de seres humanos fracasados, torpes, perdedores, maltratados pola vida… que provocan tenrura e compaixón.