A terceira fase, que conecta con O Cadaval, inclúe un parque biosaludable e outro infantil.
Narón, 28 de Febreiro de 2011.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, acompañado por representantes dos partidos políticos do Concello de Narón e por membros da AVV de Piñeiros, visitou hoxe a terceira fase do Parque Fluvial do Río Freixeiro, que chega ata o Cemiterio do Cadaval.
A nova superficie dispón de máis de 50.000 metros cadrados de extensión, repartidos entre zonas verdes e de esparcimento, un parque biosaludable, un parque infantil, un paseo de camelias e unha zona para xogar ó fútbol.
O Concello leva invertidos ata o de agora máis de 1.200.000 euros na construcción do “pulmón verde” de Narón, o parque fluvial do Rio Freixeiro. A inversión (que inclúe as tres primeiras fases) corresponde á compra de terreos e á execución das obras de acondicionamento, e foi cofinanciada polo Plan E e o Plan Feder da UE.
O Alcalde de Narón calificou este espazo público coma “un proxecto fundamental, que nos permite ós veciños e veciñas de Narón dispor dunha grande superficie verde a poucos metros do Concello, en plena zona urbana”, declarou José Manuel Blanco.
O rexedor explicou que os planes do goberno municipal pasan por continuar ampliando este Parque Fluvial, acondicionando unha 4ª fase que unirá O Cadaval con A Veiga. “Se conseguimos impulsar esta ampliación nos vindeiros anos, conseguiremos un gran parque de case 200.000 m2 de zona verde” asegurou o Alcalde, referíndose á unión entre tódalas fases do parque do Rio Freixeiro.
José Manuel Blanco fixo tamén un chamamento ó civismo e ó respecto dos espazos públicos por parte da cidadanía. “Este parque é de todos, e confiamos en que sexa respetado polos usuarios, especialmente polos propietarios de cans, que deben lembrar que as súas mascotas non poden acceder a este paseo”, lembrou o Alcalde.