Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ÉXITO DE PARTICIPACIÓN E PÚBLICO NA CUARTA EDICIÓN DO GULLIVER FEST CELEBRADO ESTA FIN DE SEMANA EN PEDROSO
O Padroado da Cultura e a asociación FurgoGalicia organizaron un ano máis a convocatoria
Narón, 13 de agosto de 2023. A cuarta edición do Gulliver Fest obtivo un ano máis un gran éxito de participación e de público. Unhas 260 caravanas permaneceron estacionadas esta fin de semana nas inmediacións da área recreativa de Pedroso, onde se celebrou o evento, no que tamén acamparon máis de medio cento de persoas. O Padroado da Cultura de Narón e a Asociación FurgoGalicia organizaron a convocatoria, cunha gran variedade de propostas pensadas para persoas de todas as idades. Obradoiros, sesións de ioga, unha carreira popular, representacións de teatro, xogos populares, concertos… formaron parte das propostas deste festival da cultura viaxeira, no que un ano máis obtiveron un gran éxito as charlas viaxeiras nas que diferentes persoas contaron en primeira persoa as súas experiencias de viaxes polo mundo en caravana, bicicleta, moto, vehículos 4x4… Baixo un gran escenario actuaron dende o venres á noite ata esta tarde numerosas formacións musicais que amenizaron a xornada do Gulliver Fest. DJ Imar, SR X, Bulbalkan, Arima Soul, La Duendeneta, Alademoska, Trópico de grelos, Xoubas e La ganga calé puxeron o apartado musical durante estes tres días. Un photocall con forma de furgoneta para inmortalizar o momento, espazos para descansar e comer e beber na zona, unha carpa da Biblioteca municipal, stand de venda de produtos artesáns… abriron tamén as súas portas durante a fin de semana con motivo do festival da cultura viaxeira. “Un ano máis a xente desfrutou da programación do Gulliver Fest, participando nos obradoiros, na carreira e tamén gozando coa música e as sesións de teatro, que reuniron a numeroso público”, asegurou a concelleira de Festas, Mar Gómez. A edil naronesa valorou este evento e incidiu en que “con tan só catro edicións é a día de hoxe un referente dentro e fóra de Narón, unha cita ineludible cada verán para persoas que veñen á nosa cidade con motivo deste festival chegados de diferentes comunidades do país e mesmo doutros países”, asegurou. Gómez destacou que “unha parte dese éxito é grazas á implicación da asociación FurgoGalicia que ano tras ano xunto co Padroado da Cultura deseña unha programación que atrae a persoas de todas as idades a este festival”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal