Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ROMERÍA SWING PARA TODA A FAMILIA CON MÚSICA, BAILE, PICNIC E OBRADOIROS NO PARQUE FREIXEIRO
O Parque Freixeiro prepárase para acoller mañá unha gran festa estilo anos vinte na que poderemos gozar coas músicas dixiland de Nova Orleáns, o jazz dos ciganos coñecido como gypsy ou grandes clásicos do swing. Para os que non poidan resistir a tentación de bailar, haberá aulas abertas de lindy hop, e para as crianzas un obradoiro no que aprenderán a construír instrumentos musicais con materiais de refugallo
Narón, 18 de agosto de 2023.- Despois de arrancar na noite do venres cun dos espectáculos máis vibrantes de jazz-flamenco da escena estatal, o Jazz de Ría chega á súa segunda xornada cun programa repleto de propostas do jazz máis bailable no parque de Freixeiro. A festa comezará a partir do mediodía cunha sesión vermú na que soarán os Stompy Seven Jass Band reinterpretando os clásicos do jazz de Nova Orleáns nos anos 20. A continuación, os DJs Swing On amenizarán a franxa do mediodía, acompañando os picnics e as ganas de quen non consiga deixar de bailar. A sesión de tarde comezará co concerto itinerante d’Os Bregadiers ao máis puro estilo fanfarria ou banda gypsy, o obradoiro de fabricación de instrumentos de percusión con material de refugallo para crianzas impartido pola Escola da Vaca, e as aulas abertas de baile lindy hop a cargo da escola Swing On. No último tramo da romaría os concertos de St. James Swing Band con músicas dos anos 30, 40 e 50, e Por mí, Swing, que seguirán achegando propostas bailables de lindy hop, claquette, balboa, charleston ou collegiate shag. A gran festa do swing pecharase cunha nova sesión de DJs Swing On que de seguro vai estar acompañada de moito baile. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o obradoiro da Escola da Vaca, que xa esgotou as prazas. Por segundo ano consecutivo, o Jazz de Ría conta co apoio de Cervezas Alhambra, dentro da súa aposta pola creación de experiencias musicais únicas pensadas para disfrutar sen présa e cos cinco sentidos. O festival tamén se alía nesta edición coas adegas Martín Códax a través da presenza nas barras dos seus espumosos Alma Atlántica. STOMPY SEVEN JASS BAND Esta banda, que actuará ás 13.30 horas, está especializada no hot jass, o dixieland e o blues xurdido nos marabillosos anos 20 do século pasado en Nova Orleans. Influenciados por Louis Amstrong, Jelly Roll Morton ou King Oliver entre moitos outros, reinterpretan a música de todos estes grandes mestres desde un punto de vista propio e orixinal, mantendo ao tempo toda a esencia e homenaxeando a toda unha xeneración de xenios que deron un novo rumbo á historia da música. Mery Lafuente, Gueorgui Organesian, Fernando González, Iago Ríos, Santiago Roma, Alber Grela e Santiago González, reviven este estilo tan popular onde se misturan os ritmos do charleston, o fox trot e o swing, iniciando unha viaxe evocadora a aquela época. ESCOLA DE VACA | OBRADOIRO DE FABRICACIÓN DE INSTRUMENTOS O obradoiro de fabricación de instrumentos de percusión con material de refugallo, dirixido a nenas e nenos de 4 a 12 anos comezará ás 17.30 horas. A partir das inscricións recibidas, faranse diferentes grupos segundo a idade. O obradoiro estará dirixido pola Escola da Vaca (Ferrol), que leva 25 anos dedicada á formación musical, e que hai uns anos decidiu poñer foco na cantidade de refugallo que xeramos, e comezaron a impartir obradoiros de reciclaxe, empregando eses materiais para fabricar instrumentos como maracas, caixas, tambores, paus de choiva, pandeiros ou bongós. A actividade durará aproximadamente 2 horas. Na primeira hora construiranse os instrumentos e a segunda estará dedicada a ensamblar un combo de percusión para que as crianzas participantes poidan tocar cos seus novos instrumentos no festival. AULAS ABERTAS DE BAILE E SESIÓNS DJ CON SWING ON Swing On é un proxecto que ten como obxectivo celebrar a música e a cultura jazz, o lindy hop e outros bailes asociados, sempre partindo da base de que son manifestacións culturais de orixe afroamericano nun contexto de loita racial e segregación. Crean comunidade e espazos nos que gozar do baile e da música non é incompatible cos valores de inclusividade e loita contra as desigualdades sociais. As aulas abertas serán ás 18.30 horas. OS BREGADIERS Inspirados nas brass bands, fanfarrias ou bandas gypsy, Os Bregadiers, que actuarán ás 16.30, son bos herdeiros destas tradicións, cunha formación itinerante de grande calidade musical e artística. Son: Óscar Prieto (tuba), Olivier Cano (saxo alto e flauta), Gueorgui Oganesian (saxo tenor), Miguelón Paz (caixa), Likal (bombo) e Antón Lago (guitarra). ST. JAMES DIXIE BAND Dende 2018, a banda liderada por Óscar Prieto busca dar a coñecer estilos como o dixieland, o second line e o swing. Coa axuda de Fausto Escrigas (saxo soprano) Xoán (voz), Cabe (banjo e tuba) conseguen darlle voz ao amplo repertorio musical dos anos 20 con temas frenéticos e melancólicos que tan ben recrean a situación social daquela época. Ao longo destes anos teñen colaborado coa banda grandes referentes do jazz galego como Pablo Castaño, Virxilio da Silva, David Regueiro, Xan Campos ou Max Gómez. A súa música poderá escoitarse a partir das 19.30 horas. POR MÍ, SWING Por mí, Swing, cun concerto a partir das 20.30 horas, é unha banda especializada na música swing dos anos 30, 40 e 50, que engloba diferentes estilos, cada un co seu baile asociado, todos eles populares na primeira metade do s.XX. Falamos de lindy hop, claquette, balboa, charleston, collegiate shag…, estilos que rexurden nos anos 80 e que cada vez teñen máis adeptos. Esta banda, formada por tres voces femininas, unha voz masculina, contrabaixo, saxo, clarinete, piano, batería e guitarra, busca co seu espectáculo que o público abandone o papel contemplativo do espectador e participe a través do baile, que é o combustible que realmente alimenta aos músicos en escena.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal