Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O JAZZ DE RÍA PECHOU A EDICIÓN ACHEGANDO O ESTE ESTILO MUSICAL A MÁIS DE DOUS MILLEIROS DE VECIÑAS E VECIÑOS
O Jazz de Ría tivo o atrevemento hai sete anos de programar jazz en vilas e pobos da costa ártabra que ata ese momento non contaban con ningunha proposta sólida neste xénero.
Narón, 23 de xullo de 2023.- Despois de catro días de jazz en enclaves privilexiados de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño, o Jazz de Ría pecha a súa sétima edición coa certeza de terse convertido nun festival transformador, que está conseguindo achegar propostas de jazz á cidadanía destas localidades cun enfoque moi ecléctico e obtendo como resultado unha resposta moi positiva por parte do público. Máis de dúas mil persoas participaron nos concertos e actividades programadas durante as catro xornadas, sumando á veciñanza de cada lugar un público fiel que ano a ano participa de todas as propostas deste programa itinerante. Os escenarios escollidos nesta edición asomáronse ás praias e cantís atlánticos da costa de Valdoviño e Cedeira, recreáronse en lugares patrimonio como o Castelo da Concepción ou en paisaxes singulares como a Ribeira de San Nicolás de Neda, sen esquecer a frescura do acolledor Parque Freixeiro de Narón, onde transcorreu a romaría swing na xornada do sábado. A directora do festival, Aitana Cuétara, explica que "cada concerto, cada actividade, pensouse sempre en función da paisaxe, do espazo... O patrimonio, natural, histórico ou arquitectónico, material ou inmaterial, é o cabeza de cartel deste festival, no que as escollas artísticas teñen que encaixar sempre no territorio e na filosofía sustentable pola que apostamos". Sobre a proposta artística, Cuétara engade que sempre se procura "un equilibrio entre o jazz galego e os proxectos máis interesantes do jazz estatal, apostando polo intercambio e a colaboración con artistas e festivais doutros lugares, algo que quedou reflectido no concerto de Xosé Miguélez co pianista francés Jean-Michel Pilc no parque de San Isidro en Cedeira, ou na apertura de luxo desta edición onde Josemi Carmona e Jorge Pardo estiveron acompañados polo percusionista galego Moisés Fernández". O espontáneo que deixou ao público coa boca aberta Foi precisamente nese concerto, o venres pola noite, no Pazo da Cultura de Narón, cando tivo lugar un deses momentos máxicos e inesperados que nos regala ás veces este festival. Rematado o concerto, ante os aplausos insistentes do palco de butacas, Jorge Pardo, Josemi Carmona e Moisés Fernández regresaron ao escenario e convidaron a subir canda eles a un rapaz do público, que vestía pantalón de deporte e que non semellaba vir preparado para actuar. O propio Josemi Carmona presentouno como 'el Morocho, un cantaor, un artista de la tierra que hemos conocido hace poco, y nos gustaría terminar el concierto acompañando su arte'. O Morocho rexeitou o micrófono que lle ofreceu o equipo técnico do festival e arrancouse cun tema que deixou ao público sen poder pechar a boca durante os catro ou cinco minutos que durou a interpretación. Moisés Fernández e Josemi Carmona, que o acompañaban no caixón e na guitarra, ollaban para el tan fascinados como o público. A inesperada colaboración do Morocho no concerto de apertura do Jazz de Ría descubriu para o público un talento emerxente do cante flamenco na comarca de Ferrol que está gravando en Madrid o que será o seu primeiro disco, e no que vai contar con colaboracións coma a de Diego Cigala, Israel Suárez coñecido 'o Piraña' ou o propio Josemi Carmona. Jazz que con-move ao público Os grandes momentos continuaron durante a romería swing do sábado, na que o público bailou, xogou, fixo picnic e descubriu outro xeito de gozar do Parque Freixeiro; tamén durante o concerto de Udra que destilou efervescencia neosoul ante o entusiasta público da Ribeira de San Nicolás en Neda; seguiu coa picardía dos relatos musicados de Rilo&Penadique no Castelo da Concepción, e alcanzou un punto difícil de igualar na comuñón entre o público de Cedeira e o cuarteto comandado polos grandes Xosé Miguélez no saxofón e Jean-Michel Pilc ao piano, no parque de San Isidro o domingo á noite. A xornada do luns en Valdoviño foi o mellor peche que o festival podía soñar nesta edición. A tarde comezou cun roteiro polos balcóns atlánticos no que participaron 80 persoas que percorreron parte da senda das ondas disfrutando de dúas paradas moi especiais: no miradoiro de San Xiao, Fausto Escrigas recibía ao grupo de camiñantes coas melodías nostálxicas do seu saxofón; e no miradoiro do Oural agardaba a proposta salvaxe e experimental da baterista ferrolá Lorena Cachito. O roteiro rematou na Praia do Baleo, onde o grupo que participou na camiñada se uniu ás máis de 200 persoas que ateigaban o pequeno anfiteatro natural do Baleo. Alí, a vocalista e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher fixo vibrar a un público que conectou con ela e coa paisaxe atlántica e que a seguiu entregado na improvisación vocal de coros scat, tan característica do estilo de Zürcher, deixando na memoria unha noite inesquecible que pide ser repetida. Unha costa unida polo jazz e a sostibilidade Unha vez máis o festival foi exemplo de sostibilidade e responsabilidade social, eliminando ao 100% o plástico dun só uso, empregando billas de auga da traída para o público e repartindo botellas reutilizables para as equipas artísticas e técnicas. Ademais, empregáronse envases retornables nas barras e reeditouse tamén a Operación Ecovaso para animar público a levar o seu propio ecovaso, reutilizando e dándolle outra vida aos que temos na casa doutros festivais. Para quen non levou o seu ecovaso, as barras ofreceron vasos de cartón reciclado e 100% reciclables. Así mesmo, o festival aplicou a filosofía kilómetro 0 procurando que todo o que se serviu no catering para artistas fose de comercio local e distribuído ou/e cociñado por empresas da zona, evitando plásticos e apostando por materiais dun só uso compostables ou de cartón. Para a xestión dos residuos, o festival pechou un acordo con Ecoembes, que colocou nos recintos papeleiras de diferentes cores ben indicadas para separar correctamente o lixo. E dentro da sustentabilidade social, a organización puxo especial cuidado na escolla de localizacións amables, cómodas e seguras para todo tipo de persoas en canto a accesos, volume, luz, visibilidade e mobilidade. E no ámbito da igualdade, conscientes da enorme descompensación de xénero no jazz, procurouse diversidade tanto enriba dos escenarios, como na equipa do festival, integrada na súa maioría por mulleres. Un ano máis, o Jazz de Ría tinguiu coas cores do de jazz as vilas da costa ártabra, que se consolida como territorio de referencia dentro do mapa dos festivais deste xénero; cunha proposta artística de gran calidade e unha xestión sostible e responsable co entorno natural e social, que lle valeu en 2021 un recoñecemento extraordinario nos Premios Martín Códax da Música.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal