Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ÉXITO DE ACOLLIDA DA "XXII FEIRA DO MEL E PRODUCIÓN PRIMARIA" PROGRAMADA HOXE NO RECINTO FEIRAL DO TRECE
A concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez, desprazouse ao recinto para visitar a vintena de postos instalados para a ocasión
Narón, 15 de outubro de 2023. Ás 10.30 horas abrían esta mañá as portas do recinto feiral do Trece, en Sedes, para acoller a vixésimo segunda edición da Feira do mel e produción primaria organizada polo Concello de Narón, en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura (AGA). A concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez, desprazouse ao recinto, onde visitou a vintena de postos instalados para a ocasión. “Dende primeira hora da mañá foi chegando a xente á feira e, tal e como comentaron os vendedores e vendedoras, foron moitas as persoas que se animaron a mercar sobre todo mel, pero tamén outros produtos, como embutidos variados, doces, queixos, castañas e legumes…”, explicou a edil. Con cada compra entrégase un boleto co que se participa no sorteo de produtos da feira. A actividade matinal incluíu ademais a celebración dunha demostración culinaria, con degustación incluída, con varias elaboracións a base de mel, con carne, fabas… e tamén unha charla na que se explicaron algunhas técnicas apícolas e sobre as características e usos dos produtos das colmeas. Así mesmo, as nenas e nenos desfrutaron coas actividades programadas para eles, que se iniciaron pola mañá e continuarán pola tarde: pintacaras, obradoiros de debuxo, elaboración de velas… As persoas que se achegaron á feira, tiveron tamén a oportunidade de degustar, de balde, queixo do país con pan e mel co distintivo de calidade Cinco Estrelas, unha degustación a cargo da Asociación Galega de Apicultura, que contou cun posto informativo sobre a entidade no propio recinto feiral. A feira pechará as súas portas ás 14.00 horas para reabrir novamente pola tarde, de 16.00 a 20.00, xornada na que se continuará desenvolvendo unha programación na que se manterán os obradoiros infantís e as charlas sobre apicultura, neste caso como actividade de ocio e tempo libre.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal