Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA VISITOU ONTE AS INSTALACIÓNS DA CONFEDERACIÓN GALEGA DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE
Marián Ferreiro reuniuse xunto coa concelleira de Igualdade, María Lorenzo, co vicepresidente de Cogami, Ramón Sestayo, e a directora do centro, María Aneiros
Narón, 3 de novembro de 2023. A alcaldesa do Concello de Narón, Marián Ferreiro, acompañada da concelleira de Igualdade e Benestar, María del Carmen Lorenzo, visitaron as instalacións que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) ten en Ferrol, na rúa Sánchez Calviño. Acompañadas polo vicepresidente de Cogami, Ramón Sestayo, e máis a directora do centro, María Aneiros, durante a visita puideron ver en primeira persoa os servizos que presta a Confederación a favor das persoas con discapacidade da comarca de Ferrolterra, para favorecer a súa inclusión social e autonomía persoal. Un destes servizos é o de emprego, que conta actualmente cunha base de datos que contabiliza 2.077 persoas inscritas das que 527 están empadroadas en Narón. Con estas persoas traballa o equipo de orientación laboral para que poidan inserirse no mercado laboral como as 165 que o conseguiron durante este ano 2023, das que 45 son de Narón. A alcaldesa de Narón destacou o labor que desenvolve a entidade con persoas de Narón en particular e da comarca en xeral. “Quero destacar o traballo que realizades, ofrecendo unha serie de servizos e ferramentas indispensables para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e as súas familias”, recalcou Ferreiro. A rexedora local recordou que o Concello de Narón mantén dende hai anos un convenio de colaboración con Cogami e avanzou que “seguiremos mantendo na medida das posibilidades do Consistorio para contribuír a esa tan necesaria inclusión real na sociedade do colectivo co que traballades”. Nestas instalacións tamén se imparten cursos de formación como o iniciado esta semana de Actividades administrativas na relación co cliente, un curso de 818 horas de duración no que participan 15 persoas sendo de Narón dúas. “O Concello de Narón apoia dende hai tempo os servizos que prestamos”, expresaba o vicepresidente de Cogami, quen engadiu que “con esta visita, agardamos estreitar lazos e traballar en rede entre os dous organismos a favor da inclusión das persoas con discapacidade”. Outro dos servizos que presta Cogami é un centro de día para persoas con discapacidade que conta con 20 prazas, das que 12 están ocupadas. De luns a venres as persoas acoden a este servizo de atención diurna que presta apoios para cubrir as súas necesidades, mellorando a autonomía persoal, como os talleres de mantemento e rehabilitación de terapia ocupacional, fisioterapia, logopedia, actividades formativas e educación básica, actividades artísticas e de novas tecnoloxías e obradoiros de hixiene, autocoidado e autonomía para a vida diaria.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal