A ALCALDESA ASINOU CONVENIOS NA ÁREA DE PROMOCIÓN ECONÓMICA POR UN IMPORTE CONXUNTO DE 60.000 EUROS
A rexedora local, Marián Ferreiro, firmou os acordos cos representantes dun total de seis entidades
Narón, 19 de decembro de 2023. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asinou un total de seis convenios de colaboración na área de Promoción Económica por un importe conxunto de 60.000 euros. A Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, presidida por Jorge López; a Confraría de Pescadores e mariscadores de Ferrol, á fronte da que está Gustavo Adolfo Chacartegui; Terra Rendible, presidida por Francisco Javier Castro; a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal, con Alma Yadira Tenreiro como presidenta; a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, presidida por Cristóbal Dobarro e a Asociación de Empresarios Ferrolterra, con Ángel Torreiro como presidente, son as entidades coas que se asinaron os acordos de colaboración económica.
A rexedora local destacou o labor que desenvolven estas entidades e asociacións en materia de promoción económica. “Dende o Concello de Narón continuaremos ofrecendo a nosa colaboración co fin de que estas entidades continúen cooperando co Consistorio e, polo tanto, coas veciñas e veciños da nosa cidade, ofrecendo orientación, formación nalgúns casos, asesoramento, promovendo diversas actividades ao longo do ano e incluso organizando algúns eventos”, destacou Ferreiro.
A alcaldesa da cidade incidiu en que “todas estas entidades representan a colectivos cunha importante labor na nosa cidade, cuxo traballo diario é fundamental para dispoñer dunha serie de ferramentas, recursos e actividades de interese social e que contribúen á dinamización e o desenvolvemento económico de Narón”.