Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O "IX CONCURSO DE TAPAS DE ENTROIDO" COMEZOU ESTE MEDIODÍA EN CATORCE ESTABLECEMENTOS DE HOSTALERÍA LOCAL
A concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, recordou que as elaboracións se poderán degustar a mediodía e pola noite ata o día 15 deste mes
Narón, 8 de febreiro de 2024. A novena edición do Concurso de tapas de Entroido organizado polo Concello comeza hoxe, tal e como recordou a edil de Promoción Económica, Olga Ameneiro, en catorce establecementos de hostalería da cidade. Dende este mediodía e ata o 15 de febreiro, incluído, as persoas que o desexen poderán degustar, por un prezo de dous euros, algunha das tapas, doces ou salgadas, que se cociñarán para a ocasión. No mesón O Tapeo poderase degustar “Tacocido”; no bar A Toxiña, “A Torrelliña”; no Mesón Con Arte, o “Freixó con arte”; no Nueva Orleáns, “Pincho de porco”; na cervexaría Australian, “Porco refinado”; en Casa Sindo, “Cocido tapado”; en El Olivo, “Dim sun afumado de cachola e chutney de repolo e membrillo”; en Fame Kanalla, “Sempre me comes a orella”; en Confeitura, “Torrada Confeitura”; no Silver, “Pizza artesana de Entroido con grelos"; no Bar Tauro, “Freixós recheos de carne”; na Roldana, “Tosta de cocido”; no Colonial, “Empanadilla do Entroido” e en Mamá Flora, a “Torrada Mamá Flora”. Entre as 13:00 e as 15:00 horas e de 20:00 a 22:00, nestes locais serviranse as tapas coas que os locais participan na novena edición do certame. A través das redes sociais do Concello e de Narón Gastronómico pódese consultar o mapa no que se especifican as ubicacións concretas e tapas que se sirven en cada establecemento, e tamén mediante o código QR que se entrega coas consumicións nos locais participantes. Un xurado popular votará as diferentes elaboracións a través do código QR que figura no cartel de cada establecemento participante, que os redirixe a un sinxelo formulario no que puntuarán o petisco con entre 1 e 5 puntos. Nese formulario, tal e como indicou a edil de Promoción Económica, deberán indicar tamén o seu nome e apelido e un teléfono de contacto para participar no sorteo das tres ceas, valoradas en 100 euros cada unha, que se concretarán antes do 15 de marzo nalgún dos establecementos participantes, a elixir pola persoa premiada. A maiores un xurado profesional, integrado por tres persoas de recoñecido prestixio e experiencia no mundo da hostalería, participará nunha cata a cegas que se programou no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, para puntuar, tamén de 1 a 5, aspectos como a presentación, o sabor e aroma, a elaboración e técnica e o emprego de produtos de tempada de cada tapa. Os hostaleiros e hostaleiras participantes optarán tamén a premios, neste caso en metálico, de 500 e 300 euros.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal