Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ALUMNADO DO CPR SANTIAGO APÓSTOL COMPETIRÁ NA FASE FINAL DO CLUB DE DEBATE EN VAL DO DUBRA
A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, felicitou ao alumnado que participou na convocatoria de onte, do colexio Santigo Apóstol e do IES Terra de Trasancos
Narón, 29 de febreiro de 2024. Alumnado de ESO do IES Terra de Trasancos e do CPR Santiago Apóstol de Narón participou onte en Santa Comba, na fase clasificatoria do Club de Debate Alingua xunto con alumnado do IES Canido, do IES Concepción Arenal e do IES Saturnino Montojo de Ferrol para debater sobre un tema de actualidade como é “Débense prohibir os teléfonos móbiles nos institutos”. Os dous equipos gañadores desta xornada, o IES Canido de Ferrol e os Gandariños do CPR Santiago Apóstol, recibiron un premio valorado en 800 e 500 euros respectivamente e pasan á final que terá lugar en Val do Dubra o 13 de abril, xunto cos gañadores das outras fases clasificatorias que se desenvolven estes días tamén en Santa Comba e na que participa alumnado dos concellos de Pontevedra, Rois, Teo, Padrón, Santiago de Compostela, Carballo, Santa Comba e Val do Dubra. A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, felicitou aos dous centros naroneses pola súa participación e ao alumnado do Santiago Apóstol tamén polo premio obtido onte no Club de Debate, desexándolle moita sorte nesa vindeira fase final. O alumnado participante tivo que defender as posturas a favor e en contra achegando argumentos, e rebatendo os do equipo contrincante. Os debates foron valorados por un xurado composto por especialistas do ámbito da comunicación e da normalización lingüística que avaliou aspectos como a calidade, orixinalidade e pertinencia na argumentación; a capacidade de refutación; a calidade lingüística e a capacidade de oratoria; a comunicación non verbal; ou o funcionamento como equipo e a seguridade e manexo da situación. O Club de Debate, tal e como recordou a concelleira naronesa, é un programa dirixido a alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato no que participan varios concellos galegos, entre eles o de Narón, que promove e valora o uso oral do galego, a reflexión, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal