A ACTRIZ ANA BELÉN PROTAGONIZA ESTE VENRES "KATHY Y EL HIPOPÓTAMO" NO PAZO DA CULTURA
Trátase dunha obra escrita por Mario Vargas Llosa, e producida pola compañía 'Teatro Español-Pentación'.
Narón, 8 de Outubro de 2014.- A polifacética actriz e cantante Ana Belén chegará o venres 10 de outubro a Narón para protagonizar a obra de teatro “Kathie y el hipopótamo”, producida pola compañía ‘Teatro Español- Pentación’.
O espectáculo comezará ás 20:30 horas e as entradas poden adquirirse xa nas billeteiras do Pazo da Cultura ó prezo de 15€ para público xeral, e 10,50€ para abonados, usuarios de carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e desempregados.
Trátase dun drama no que Kathie –unha muller da alta sociedade limeña- contrata a un profesor universitario para que escriba un libro sobre a viaxe que ela realizou por Asia e Africa. Sobre esta base, o director da obra propón unha reflexión sobre a fantasía e a imaxinación coa que creamos historias que non aconteceron na realidade.
O elenco de “Kathie y el hipopótamo” está formado por Ana Belén, Ernesto Arias, Jorge Bastanta, Eva Rufo e David San José. A dirección corre a cargo de Magüi Mira. O texto orixinal é de Mario Vargas Llosa.