A obra de limpeza do Río Freixeiro executarase de inmediato, e servirá para evitar o desbordamento do seu cauce en épocas de crecida do rio ou mesmo coa subida das mareas. A intervención desenvolverase nun prazo máximo de dous meses.
O Concello de Narón acometerá coa maior brevidade posible a limpeza dun tramo do Río Freixeiro, presupostada en 46.500 euros. A maior parte da inversión correrá a cargo do Concello, que aportará ata 31.500 euros para esta obra, cofinanciada pola Deputación de A Coruña. O organismo provincial achegará os 15.000 euros restantes para subvencionar a actuación.
Segundo explicou o Concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, os traballos executaranse no tramo do río comprendido entre a ponte do Cadaval e A Veiga. "Imos a proceder á sua limpeza e desbroce, para evitar o desbordamento do río coa subida das mareas ou a chuvia", asegurou o edil.
O Concello ten previsto desenvolver os traballos nos próximos dous meses, e as obras darán comezo de inmediato. "A limpeza iniciarase entre esta semana e a próxima, xa que esta época é a mellor para facelo porque é cando máis seco está o río", engadíu Manuel Ramos.