O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, explicou que a necesidade de executar unhas obras na rede de alcantarillado do vial obriga a cortar o tramo comprendido entre as rúas Lleida e Concepción Arenal entre os días 15 e 17 de xaneiro
Narón, 12 de xaneiro de 2018. O tramo da estrada da Gándara comprendido entre as rúas Lleida e Concepción Arenal permanecerá totalmente pechado ao tráfico rodado desde o vindeiro luns, día 15 ás 8.00 horas ata o mércores día 17 ás 20.00 horas. Así o anunciou o concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, que explicou que a medida responde á necesidade de realizar unha serie de obras na rede de sumidoiros da estrada da Gándara.
O edil naronés avanzou que se estableceron unha serie de itinerarios alternativos para o tránsito de vehículos pola zona. Os que circulen polo citado vial en dirección a Ferrol serán desviados polas rúas Pista Isolina e Concepción Arenal ou pola rúa Lleida e avenida de Cataluña. Así mesmo, Sánchez Fojo indicou que o tráfico que circule en dirección a Lóngaras desviarase polas rúas Concepción Arenal e Celso Emilio Ferreiro.
O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público solicitou á veciñanza desculpas polas posibles molestias que este corte de tráfico poida ocasionar entre o luns e o mércores da vindeira semana, período no que se prevé que se execute a actuación prevista na rede de sumidoiros da estrada da Gándara.