O CONCELLO ABRIRÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NA ESCOLA DE FAMILIAS O DÍA 1 DE SETEMBRO
Dirixida a familias de Narón con fillas e fillos escolarizados en centros de ensino da cidade en E. Infantil, E. Primaria, E. Secundaria ou Escolas Infantís Municipais EIM
Narón, 20 de agosto de 2021. A Escola de Familias, enmarcada no Programa Municipal de Educación Extraescolar PROMEDEX, iniciará o prazo de inscrición o día 1 de setembro. Esta actividade está dirixida a familias de Narón con fillos/as escolarizados nos centros de ensino da cidade, en Educación infantil, Educación primaria ou Educación secundaria, así como nas Escolas Infantís Municipais (EIM). As temáticas a tratar versarán sobre: Manexo das emocións; coaching familiar. Establecemento de normas e límites respectuosos e firmes. Aprendizaxe de técnicas de redirección da conduta, e resolución de conflitos. Novas tecnoloxías: educación dixital e supervisión dos medios informáticos. Técnicas de comunicación. Stop rabechas e claves para a negociación. Como conectar mellor coas crianzas e ver as potencialidades de cada membro da familia. Trataranse tamén temas variados como: sono, medos, aprendizaxe, sexualidade, etc.
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, informou da posibilidade de ofrecer varios horarios, modalidade en liña e presencial, opcións para conciliar.
As persoas interesadas poderán dirixirse ao Servizo Sociocomunitario do Concello de Narón, teléfono 981337700, Ext. 1111/1108/1109