O CONCELLO APROBOU NO PLENO ABONAR A FERROL 1,2 MILLÓNS DE EUROS POLOS GASTOS DO SERVIZO DE DEPURACIÓN
O importe correspóndese cos gastos efectivos comprendidos entre xaneiro e decembro do pasado ano
Narón, 16 de novembro de 2023. O Concello acolleu esta mañá, ás 9:30 horas, un pleno extraordinario no que se aprobou abonar ao veciño Concello de Ferrol os gastos efectivos do servizo de depuración correspondentes ao ano 2022. Os edís de Terra Galega e BNG votaron a favor do punto, se ben tanto os do PP como os do PSOE se abstiveron. O Consistorio naronés aboará unha partida de 1,2 millóns de euros no citado concepto.
O voceiro de Terra Galega e edil de Facenda, Román Romero, recordou que se informou aos grupos da oposición da tramitación do expediente. Así mesmo, o edil indicou que xa se solicitou unha reunión co actual equipo de goberno de Ferrol “para poder tratar este e outros temas vencellados ás dúas cidades”.