O CONCELLO E A ASOCIACION DE XORDOS DE FERROL ASINAN UN CONVENIO PARA MANTER UN SERVIZO DE INTÉRPRETES DE LINGUAXE DE SIGNOS
A administración local achegará 2.000 euros para levar a cabo a prestación deste servizo ás persoas xordas.
Narón, 19 de Novembro de 2013.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a presidenta da Asociación de Xordos de Ferrol, Teresa Gallo, asinaron hoxe un convenio de colaboración acompañados pola Concelleira de Promoción Social de Narón, Teresa Sabio.
O acordo contempla a cooperación entre o Concello de Narón e a Asociación de Xordos de Ferrol para o mantemento dun servizo de intérpretes, para cubrir as demandas de comunicación das persoas xordas e colaborar para a integración efectiva das mesmas.
En concreto, a Asociación de Xordos desenvolverá os seguintes programas ó abeiro deste convenio:
-Prestación do servizo de intérpretes para o acceso á educación e formación, e ó mundo laboral, e para a tramitación de prestacións e participación en actividades.
-Integración das persoas xordas para o acceso a servizos públicos.
Para levar a cabo estes obxectivos, o Concello de Narón fará unha achega de 2.000€ á Asociación de Xordos de Ferrol. O convenio ten unha periodicidade anual (de xaneiro a decembro de 2013).