Os asistentes gardaron un minuto de silencio na Praza de Galicia
Narón, 8 de xullo de 2015.- Persoal do Concello de Narón concentrouse este mediodía, á unha, na Praza de Galicia, para gardar un minuto de silencio en sinal de repulsa do crime rexistrado a finais da semana pasada na localidade pontevedresa de Arbo, con dúas vítimas mortais. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, estiveron acompañados por outros representantes da corporación local e funcionarios do Consistorio.
O pasado venres localizáronse no interior dun vehículo en Arbo os cadáveres de Beatriz Rodríguez, de 30 anos, e Sergio Rodríguez, de 36, ambos con disparos dunha escopeta de caza presuntamente efectuados pola exparella da muller, un home ao que se lle imputaron dous delitos de homicidio e asasinato e actualmente na cadea. Coa concentración de hoxe o Concello de Narón quixo manifestar publicamente a súa rotunda condena aos actos de violencia machista.