RAPAZAS E RAPACES INSCRITOS NO PROGRAMA "ABRINDO CAMIÑOS" PARTICIPARON ONTE NO "OBRADOIRO DE IGUALDADE NO MUNDO DO AUTOMOBILISMO"
Os edís de Mocidade, Pablo Mauriz, e Igualdade, Mar Gómez, estiveron onte presentes no inicio deste obradoiro
Narón, 16 de decembro de 2021. Os edís de Mocidade, Pablo Mauriz, e Igualdade, Mar Gómez, desprazáronse na tarde de onte á Casa da Mocidade, na Gándara, para asistir ao inicio do obradoiro de Igualdade no mundo do automobilismo organizado polo Concello.
Rapazas e rapaces que participan no programa municipal “Abrindo Camiños” acudiron onte a esa primeira convocatoria, de 18.00 a 20.00 horas, que comezou cunha charla informativa no interior da Casa da Mocidade sobre a iniciación ao mundo do motor no ámbito dos rallis e continuou coa parte práctica, abordando a asistencia técnica nun ralli e como cambiar unha roda dun coche. A parte práctica levouse a cabo nas inmediacións da Casa da Mocidade e correu a cargo do equipo feminino Melmac Rally Factory.
Este obradoiro desenvolverase novamente o 22 de decembro, de 11.30 a 13.30 horas na mesma ubicación e cos mesmos contidos, pero dirixido nesa ocasión ás mozas e mozos inscritos no programa municipal “Conciencia-T”, tal e como recordaron os edís naroneses.
“As rapazas e rapaces que participaron onte amosaron moito interese nesta proposta, que consideramos de gran interese para fomentar a igualdade real entre homes e mulleres”, apuntaron Mauriz e Gómez.