O CONCELLO SÚMASE Á INICIATIVA DA PLATAFORMA COROS POR LA PAZ CUN ENCONTRO MUSICAL NA PRAZA DE GALICIA
A convocatoria musical, que se celebrará simultaneamente en varias cidades europeas, dará comezo ás 12.00 horas e poderán participar na mesma todas as persoas que o desexen
Narón, 24 de marzo de 2022. O Concello súmase á iniciativa da plataforma Coros por la Paz, un encontro musical que se realizará o vindeiro domingo, día 27, de xeito simultáneo en espazos abertos de varias cidades europeas. A cita será ás 12.00 horas e no caso de Narón, levarase a cabo na Praza de Galicia, donde está prevista a actuación do Peque Coro Solidarium e o Coro da Capo, o Coro Solidarium IES Trasancos, a Coral de Areosa, a Coral Polifónica de Ferrol, a rondalla Só Elas e a rondalla Añoranzas.
Na convocatoria cantarase o “Himno á alegría”, de Miguel Ríos –baseado na novena sinfonía de Beethoven-, para solicitar conxuntamente o restablecemento da paz en Ucraína e en todas as rexións do mundo castigadas por guerras. Poderán participar na convocatoria, cantando a capella, todas as persoas que o desexen para sumarse a este xesto unánime pola paz, apostando pola música como instrumento universal para contribuír á paz en Europa e no mundo.