O alcalde en funcións collerá o bastón de mando no transcurso dun acto que comezará a celebrarse ás doce do mediodía no salón de plenos do Concello
Narón, 12 de xuño de 2015. O alcalde en funcións de Narón, José Manuel Blanco, recibirá mañá de novo o bastón de mando da localidade. A sesión de investidura celebrarase nun acto que comezará ás doce do mediodía no salón de plenos do Concello. O reelixido alcalde de Narón liderou a lista de Terra Galega nas eleccións do pasado 24 de maio, que recibiu o apoio maioritario dos naroneses e naronesas, obtendo dez dos vinte e un concelleiros da corporación local.
Blanco iniciará o vindeiro luns unha nova lexislatura na localidade, á fronte da corporación local, tras ser reelixido nun cargo que xa ostentou en Narón durante os últimos seis anos e despois de máis de dúas décadas formando parte da corporación local. O rexedor en funcións estará acompañado por un equipo ao que se incorporan varias persoas pero que tamén mantén a varios edís do anterior mandato. O alcalde en funcións asegurou que asume o cargo coñecedor da responsabilidade que supón e incidiu en que tanto el como o seu equipo continuarán traballando a partir do vindeiro luns polo benestar dos veciños e veciñas de Narón.
Amigos, familiares e simpatizantes de Terra Galega respaldarán mañá a investidura de José Manuel Blanco, así como o resto de integrantes da lista do partido no municipio, da que forman parte Marián Ferreiro, Manuel Ramos, Natalia Hermida, Pablo Mauriz, Guillermo Sánchez Fojo, Mar Gómez, Román Romero, Mercedes Taibo e Ibán Santalla.