O CONCELLO ACOLLEU O ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DO "V CONCURSO DE TAPAS DE ENTROIDO"
Os locais de hostalería A Trasanquesa, O Muíño, O Pío, Silver 200 Monjes, Casa Sindo e Restaurante Carballo resultaron galardoados nas diferentes modalidades desta edición do certame, na que tamén se premiou a cinco clientes que valoraron as tapas dos establecementos
Narón, 15 de marzo de 2017. O Concello de Narón acolleu hoxe o acto de entrega dos premios do “V Concurso de Tapas de Entroido” organizado pola Concellería de Promoción Económica e o Club Narón Gastronómico. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco presidiu o acto, acompañado polo edil da área, Pablo Villamar e representantes dos seis locais de hostalería premiados nesta edición do certame, que se desenvolveu do 23 de febreiro ao 1 de marzo na cidade. O restaurante A Trasanquesa, o mesón O Muíño, O Pío, Silver 200 Monjes, Casa Sindo e Hostal Restaurante Carballo son os gañadores do Concurso de Tapas de Entroido deste ano. O alcalde e o edil de Promoción Económica felicitaron aos representantes dos establecementos gañadores, agradecéronlles a súa participación e animáronos a continuar colaborando neste tipo de iniciativas.
O Restaurante A Trasanquesa fíxose co premio da votación popular na modalidade de Tapa de Entroido coa proposta: “Saquiños do Entroido” e o Mesón O Muíño co concedido tamén pola clientela na modalidade de Tapa de libre Creación, coa elaboración “Crocante de porco esmiuzado, polenta e salsa de Tamarindo”. Cada un destes premios ten unha dotación económica de 250 euros, ademais dun diploma. Nos establecementos participantes recolléronse un total de 11.394 papeletas, coas que a clientela valorou as citadas modalidades de tapas que optaban ao premio da votación popular.
No que respecta aos premios concedidos polo xurado, os gañadores na modalidade Tapa de Entroido foron o Mesón O Pío, que levou o primeiro premio co seu: “Rolo de grelos recheo de cocido montés adubiado con ceboleiro de Soutelo”, e o Silver 200 Monjes, cun segundo premio coa: “Follada de lacón con grelos”. A dotación destes galardóns é de 400 e 250 euros, respectivamente. Na modalidade de Tapa de Libre Creación, os gañadores foron Casa Sindo, que obtivo o primeiro premio con “Steak tartar de solombo de atún” (cuxos responsables non puideron acudir hoxe ao acto de entrega), e o Hostal Restaurante Carballo, co segundo posto, con “Porquiño ao abrigo”, cunha dotación de 400 e 250 euros, respectivamente e tamén coa entrega dos pertinentes diplomas. O xurado estivo composto por Pablo Villamar, concelleiro de Promoción Económica; José Luis Suárez e Eliseo Faraldo, ambos membros da Asociación Gastronómica Os Cazoleiros.
No certame participaron un total de vinte e dous establecementos de hostalería de Narón, tanto da zona urbana como rural, que presentaron en conxunto trinta e dúas elaboracións gastronómicas nas modalidades de Tapa de Entroido e de Libre Creación, doces e salgadas, que se puideron degustar e valorar coas papeletas que se distribuíron e recolleron nos propios locais de hostalería.
Os establecementos que participaron foron os seguintes:
• Cervexaría Australian. Tapa de Entroido: “Lacónica”
• Cervexaría Índalo. Tapa de Entroido: “Xeado temperado do Entroido”
• Cervexaría O Druída. Tapa de Entroido: “Horta de Narón”; Tapa libre: “Panko-mido”
• Bar Vituco. Tapa de Entroido: “Cocido ibérico”. Tapa libre: “Polbo con ameixas e callos”
• Gastrobar Piñeiros. Tapa de Entroido: “Filloa de grelos e puré de pataca con crocante de lacón”.
• Mesón O Pío. Tapa de Entroido: “Rolo de grelos recheo de cocido montés adobiado con ceboleiro de Soutelo”; Tapa libre: “Bandullo do Pío”
• Restaurante A Trasanquesa. Tapa de Entroido: “Saquiños de Entroido”. Tapa libre: “Ancas de rá con salsa Trasanquesa”
• Cafetería Soul. Tapa de Entroido: “Lasaña de orella con grelos”. Tapa libre: “Mexillóns en salsa de coco”
• Parrillada do Couto. Tapa de Entroido: “Lasaña de cocido”
• Café-bar Gola. Tapa de Entroido: “Torrada”. Tapa Libre: “Tortilla”
• Folsom-La Quinta. Tapa libre: “Tapa La Quinta”.
• Cervexaría Nueva Orleans. Tapa de Entroido: “Tapa de Entroido”.
• Cervexaría Ponte Castela. Tapa de Entroido: “Bolo sorpresa”
• Romero I: Tapa de Entroido: “Cocido Romero”
• Romero II: Tapa de Entroido: “Cocido Romero”
• Silver 200 Monjes: Tapa de Entroido: “Hojaldre de lacón grelos”
• La Barra de Oro: Tapa de Entroido: “Filloa rechea de crema de oruxo” ; Tapa libre: “Delicia salgada”
• Hostal Restaurante Carballo: Tapa de Entroido: “Porquiño ao abrigo”
• Mesón O Muíño: Tapa de Entroido: “Quiche de lacón con grelos con escuma de queixo San Simón”; Tapa libre: “Crocante de porco esmiuzado, polenta e salsa de tamarindo”
• Mesón O Conxuro: Tapa de Entroido “Conxuro de Entroido”. Tapa libre: “Tapa o Meigallo”
• Casa Sindo. Tapa libre: "Steak tartar de solombo de atún”
• Café Bar Ortegal. Tapa do Entroido: “Pastel de Entroido”; Tapa libre: “Pincho cebicheiro”.
Así mesmo, trala entrega dos premios económicos procedeuse a sortear no Concello un total de cinco ceas para dúas persoas entre o público que emitiu os seus votos sobre as elaboracións presentadas a un apartado do certame (o valorado en votación popular). Como mans inocentes para retirar as 11.394 papeletas actuaron o alcalde, José Manuel Blanco, a primeira tenente de alcalde, Marián Ferreiro, e o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, xunto cos outros dous representantes do xurado, José Luis Suárez e Eliseo Faraldo. Os gañadores foron: Martín Serantes; María Angélica de Juan, Roberto Álvarez, Belén Ferreiro e Manuel Fiestras. Todos eles recibiron esta mesma mañá unha chamada da organización do evento para comunicarlles que resultaran premiados nesta edición do certame.