O CONCELLO ABRIRÁ O LUNS O PRAZO DE INSCRICIÓN NUN CURSO DE "PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS E MEDIO AMBIENTE NO NAVAL"
A concelleira de Formación, Natalia Hermida, indicou que o curso se dirixe a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón
Narón, 25 de xullo de 2020. O Concello abrirá o vindeiro luns, día 27, o prazo de inscrición nun curso de "Prevención de Riscos Laborais e Medio Ambiente no sector Naval" que se impartirá no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. A concelleira de Formación, Natalia Hermida, anunciou que haberá un total de 16 prazas, destinadas a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón que non deben ter concedido outro curso do Programa Municipal de Formación coincidente temporalmente na realización.
O curso celebrarase do 10 ao 13 de agosto entre as 15.30 e as 19.30 horas (de luns a venres), según as previsións, e terá unha duración total de 16 horas, das que oito serán de Prevención de Riscos Laborais na especialidade Naval e as oito restantes de Medio Ambiente Naval.
Conceptos básicos sobre Seguridade e Saúde laboral, Riscos de seguridade ligados á área de traballo (instalacións, corredores, escaleiras…), Riscos ligados ao ambiente do traballo, Equipos de protección persoal, Almacenamento de substancias, Segregación de residuos e Actuacións ante derrames incidentais, son algúns dos contidos que se abordarán nesta convocatoria, tal e como figura no programa.
As persoas interesadas en inscribirse poden facelo dende o luns 27 ás 8.30 horas ata o 3 de agosto ás 13.00 horas. As solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello, debendo entregarse no primeiro andar do Concello (accedendo pola porta da Praza de Galicia), na Sede Electrónica e polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. A selección do alumnado realizarase por rigorosa orde de inscrición no Rexistro e a listaxe provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello, donde tamén se publicará a listaxe definitiva.
Aquelas persoas interesadas en recibir máis información poden consultar o enlace: http://www.naron.es/web/docs/Convocatoria-PRL-e-MA-Naval-2020.pdf ou contactar co Servizo Sociocomunitario, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).