O CENTRO DE RECURSOS SOLIDARIOS ACTIVA O PROTOCOLO DA COVID-19 E NON RECOLLERÁ ROUPA, XOGUETES NIN ENSERES
Dende as instalacións continúase ofrecendo axuda ás familias en situación de vulnerabilidade, tal e como recordou a concelleira de Benestar Social, Catalina García
Narón, 3 de novembro de 2020. O Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón elaborou un protocolo específico para o Centro de Recursos Solidarios, ubicado no polígono da Gándara. En virtude á activación do mesmo, e debido á actual situación sanitaria, tal e como indicou a concelleira de Benestar Social, Catalina García, deixarán de recollerse como medida preventiva da Covid-19 roupa, xoguetes e enseres. “Temos que extremar ao máximo as medidas de prevención e con esta finalidade no Centro de Recursos Solidarios manterase unicamente a recollida de alimentos non perecedoiros para continuar axudando ás familias que máis o precisan nestes momentos e ás que se atende dende o Servizo Sociocomunitario municipal”, asegurou García.
O protocolo das instalacións inclúe ademais as normas de obrigado cumprimento para as persoas que se acheguen ata alí, que deberán utilizar máscara, agardar a que o persoal que atende o centro lles indique donde deben agardar o turno, manter a distancia de seguridade e hixienizar as mans antes e despois de utilizar os carros ou as caixas nas que se entregan os alimentos.
García recordou que o servizo que se ofrece nas instalacións está operativo de luns a venres entre as 10.00 e as 13.00 e os mércores de 17.00 a 19.00.