O CONCELLO ABRIRÁ O VINDEIRO MARTES O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS FINANCIEIRAS DE EMERXENCIA PARA ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR
O prazo para solicitalas permanecerá aberto ata o 30 de abril, tal e como indicaron as edís de Benestar Social, Catalina García e Ensino, Mercedes Taibo
Narón, 2 de setembro de 2022. O Concello abrirá o vindeiro martes, día 6 de setembro, o prazo para solicitar axudas financieiras de emerxencia para adquisición de material didáctico e escolar, dirixidas a familias con fillas e fillos matriculados en segundo ciclo de Infantil, educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Secundaria de Adultos, en función da renda da unidade de convivencia. As concelleiras de Benestar Social, Catalina García, e Ensino, Mercedes Taibo, indicaron que as solicitudes para as axudas correspondentes do curso 2022-2023 poderán solicitarse ata o 30 de abril deste do curso corrente. No caso dos vindeiros cursos escolares as solicitudes poderán presentarse a partir do 1 de xullo de cada ano ata o 30 de abril do curso corrente.
As solicitudes poderán entregarse conforme ao modelo do Concello no Rexistro Xeral do Consistorio –de luns a venres entre as 8.30 e as 13.00 horas-, na Sede Electrónica ou por calquera outro medio previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As persoas interesadas en solicitar máis información sobre as persoas beneficiarias destas axudas, a documentación a presentar ou o impreso de solicitude poden dirixirse ao Rexistro Xeral de entrada do Concello ou ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar.