O PAZO DA CULTURA ACOLLERÁ A VINDEIRA SEMANA UNHA "XORNADA DE ECONOMÍA SOCIAL E EMPRENDEMENTO"
O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, indicou que se trata dunha iniciativa dirixida a persoas emprendedoras, entidades e outros colectivos interesados en xeitos de financiamento alternativo
Narón, 23 de setembro de 2022. O Café Teatro do Pazo da Cultura acollerá o vindeiro 30 de setembro unha “Xornada de difusión: economía social e emprendemento Narón 2022”. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, que recordou que se trata dunha iniciativa enmarcada no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo da Xunta de Galicia e que conta coa colaboración do Ministerio de Traballo e Economía Social. A cita desenvolverase entre as 9.00 e as 14.00 horas.
Ás 9.00 horas terá lugar a inauguración institucional da convocatoria, na que participarán a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, e a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca. Ao remate terá lugar a presentación da Oficina Local de Fomento da Economía Social da Rede Eusumo para, sobre as 9.45 horas dar paso ás intervencións de tres entidades asociativas para o emprendemento: a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami); Unión de Cooperativas Galegas (Espazocoop); e o Grupo de Desenvolvemento Rural Seitura 2022.
Tras unha pausa para o café ás 11.15 horas retomarase a programación ás 11.45, coa intervención de representantes de dúas entidades de financiamento ético para o emprendemento: Fiare Banca Ética e Coop57 Galiza. Ás 12.45 horas será o momento da presentación de dúas experiencias de emprendemento e sobre as 13.45 horas procederase a clausurar a xornada.
O concelleiro de Promoción Económica animou aos emprendedores, empresarios e empresarias e entidades de recente creación a acudir a esta convocatoria, para coñecer de primeira man modelos de financiamento alternativos á banca tradicional e algunhas experiencias de cooperativismo.