O CONCELLO CONMEMORARÁ O DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO CUNHA LECTURA PÚBLICA DA SÚA OBRA NA BIBILIOTECA
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, participarán este sábado na convocatoria
Narón, 20 de febreiro de 2024. A Biblioteca municipal acollerá este sábado, día 24, unha lectura pública da obra de Rosalía de Castro. A actividade organizouse para celebrar o Día de Rosalía, que se conmemora cada ano o 23 de febreiro con motivo do seu aniversario. A edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, animou á cidadanía a participar nesta proposta, que dará comezo ás 11:00 horas.
A proposta, tal e como recordou a edil naronesa, parte da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, coa finalidade de homenaxear á nosa poeta máis internacional. A planta baixa da Biblioteca acollerá o acto de lectura pública de textos de Rosalía de Castro, no que participarán a alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil responsable da área. As persoas que queiran participar poderán tamén facelo, levando eles os textos de Rosalía elixidos ou ben collendo algún dos que estarán a disposición na Biblioteca.
A Asociación de escritoras e escritores en lingua galega escolleu este ano a Carlos Callón para a redacción do Manifesto do Día de Rosalía, un texto que tamén se lerá no acto programado na Biblioteca este sábado. A escritora naronesa Sara González Veiga será a persoa encargada de ler este documento, respaldando así a iniciativa promovida pola AELG.