Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA E A SOCIEDADE CULTURAL AREOSA CELEBRARÁN O DÍA 11 DESTE MES A FESTIVIDADE DOS MAIOS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou a convocatoria coa vicepresidenta de Areosa, Maribel Mouriz
Narón, 2 de maio de 2024. A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e Maribel Mouriz, vicepresidenta da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, presentaron a programación da festividade dos Maios, que terá lugar o vindeiro sábado, día 11. A cidade festexará un ano máis con esta celebración, cargada de flores e música, a chegada da primavera. Ás 11.00 horas comezará a desenvolverse o programa na Praza de Galicia, onde como cada ano se elaborará unha gran alfombra floral cun deseño do artista naronés Leandro Lamas. A alfombra ocupará unha superficie de dez metros de longo por dez de ancho e unha vez realizado o deseño, que será o do propio cartaz dos maios, poderán participar na súa elaboración todas as persoas que o desexen. As inmediacións do Centro Cívico Social de Piñeiros acollerán, ás 16:30 horas, a concentración dos maios que partirán ás 17:00 horas en comitiva cara á Praza de Galicia, onde se celebrará ás 18:00 horas a recepción oficial, con música dos grupos do Padroado da Cultura. O paso da comitiva suporá algunhas restricións no tráfico rodado pola estrada de Castela, dende as 17:00 ata as 18:00 horas aproximadamente, polo que se solicitan de antemán desculpas polas posibles molestias que ocasione. Unha vez na Praza de Galicia, tamén se poderá desfrutar do programa de actos dos xogos florais, que inclúe ademais de música, unha mostra de arte floral dos obradoiros impartidos polo Padroado da Cultura nas asociacións veciñais Areosa, de Piñeiros; Os Irmandiños, do Val, e na Agrupación Veciñal de San Mateo. Os citados obradoiros impartíronse tamén para escolares nas últimas semanas, participando alumnado de cuarto a sexto de Infantil e de primeiro e segundo de Primaria de nove centros de ensino da cidade: Santiago Apóstol, A Solaina, Ayala, Piñeiros, A Gándara, Ponte de Xuvia, Virxe do Mar, Jorge Juan e CRA. En total, preto dun milleiro de alumnas e alumnos cuxos maios se poderán ver tamén na Praza de Galicia a partir das 18:00 horas. Ferreiro e Mouriz destacaron a tradición que esta festividade ten na cidade, animando ás veciñas e veciños a acudir á convocatoria, con carácter interxeracional, e desfrutar da programación da xornada.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal