O CONCELLO ACOLLERÁ MAÑÁ O SORTEO DAS PRAZAS DA COLONIA INFANTIL "NATURCIENCIA NADAL 2021"
A listaxe coa relación das persoas que participarán poderá consultarse na web do Concello e na Sede Electrónica de Narón
Narón, 16 de decembro de 2021. O Concello acollerá mañá o sorteo no que se adxudicarán as prazas da colonia infantil “Naturciencia Nadal 2021”, unha iniciativa do Concello dirixida a nenas e nenos de 3 a 12 anos e que se desenvolverá do 22 ao 24 e do 27 ao 29 deste mes no CEIP da Gándara. Ao superar a demanda o número de prazas dispoñibles, trinta e sete para trinta, é preciso realizalo.
O sorteo será ás 10.15 horas e debido á actual situación sanitaria non se permitirá a presencia de público. Ao longo da mañá publicarase a listaxe de persoas participantes nesta colonia infantil na web do Concello de Narón –no espazo reservado ao anuncio desta actividade- e tamén no procedemento desta actividade na Sede Electrónica do Concello.
Obradoiros de robótica, creatividade, tecnoloxía e medio ambiente forman parte dos contidos que se tratarán nesta actividade, que é de balde e se convocou, xunto con outras propostas municipais, para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.