O CONCELLO INSTALOU CATRO NOVOS SINAIS VERTICAIS INDICANDO OS ACCESOS AO POLÍGONO INDUSTRIAL DE RÍO DO POZO
O edil de Promoción Económica, David Pita, indicou que se trata dun investimento duns 15.600 euros
Narón, 20 de setembro de 2022. O polígono industrial de Río do Pozo conta dende a pasada semana con catro novos sinais verticais indicando os accesos dende a autovía AG-64 As Pontes-Ferrol e Ferrol-As Pontes, e os localizados na zona do Val e San Mateo. O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, indicou que se trata dun investimento duns 15.600 euros.
O edil naronés recordou que a actuación se suma á realizada o pasado mes de xaneiro, tamén en Río do Pozo, cando se instalaron outros catro paneis nos accesos polas avenidas Bernardo Romero e Gonzalo Navarro. “Continuamos avanzando na sinalización deste parque empresarial, o máis importante da comarca e o terceiro de maior superficie en Galicia”, explicou Pita, que valorou positivamente o resultado dos traballos realizados.
Todos os paneis instalados son verticais, realizados en aluminio e rotulados con vinilo e seguen unha liña uniforme, en canto ás dimensións e cor, en azul, para dar a benvida ao polígono dende os diferentes accesos dispoñibles.