Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CONVOCA TRES OBRADOIROS PARA NENAS E NENOS A TRAVÉS DO PROXECTO DE SOCIALIZACIÓN EN GALEGO "GUIZO"
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, destacou as temáticas que se abordarán nos obradoiros, moi vencelladas ao medio ambiente e á adquisición de coñecementos
Narón, 8 de febreiro de 2023. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, anunciou a posta en marcha dun novo proxecto municipal encamiñado a mellorar a socialización en galego das nenas e nenos de 6 a 12 anos, denominado “Guizo”. Este mesmo mes comezarán a desenvolverse os obradoiros deste programa, que continuarán en marzo e abril e só requerirán inscrición previa para poder acudir, tal e como avanzou a edil. “Trátase dunha proposta impulsada dende o Servizo de Normalización Lingüística de Narón co que ofrecemos un espazo de lecer para familias que xirará ao redor do contacto coa natureza e do seu coidado, o respecto ao medio ambiente…”, explicou. As tres propostas deste proxecto desenvolveranse no Centro Cívico Social do Couto, ás 11.00 horas, e poderán participar un máximo de doce menores, que deberán estar acompañados por unha persoa adulta. Fomentar a creatividade das nenas e nenos, facer que valoren a importancia de coidar a natureza e a adquisición de coñecementos para trasladar á súa vida cotiá vivindo experiencias divertidas e emocionantes en galego forman parte dos obxectivos que persegue o programa “Guizo”. As actividades a desenvolver son para gozar en familia e consistirán en iniciativas vencelladas á reciclaxe, a construción de xoguetes, a plantación e o coidado de sementes ou o sendeirismo, entre outras. A primeira proposta será un obradoiro de xoguetes sonoros, a cargo de Miudiño, no que utilizando recursos naturais e de refugallo os participantes construirán instrumentos musicais tradicionais. Esta actividade levarase a cabo o vindeiro 18 deste mes e terá unha duración dunhas dúas horas. Poderán inscribirse a partir do vindeiro luns, 13 de febreiro, ás 10.00 horas. Un mes máis tarde, o 18 de marzo, programouse un obradoiro de follas de papel, tamén a cargo de Miudiño, no que os asistentes aprenderán a facer papel reciclado e uns fermosos marcapáxinas con formas de follas de árbores autóctonas. As inscricións para este segundo obradoiro poderán tramitarse a partir do 13 de marzo ás 10.00 horas. A última das propostas será o 15 de abril, co obradoiro “Cociñando xabrón”. Un elegante xefe de cociña amosará a súa receita perfecta para facer xabrón, empregando aceite usado que traerán os asistentes e outros elementos reutilizados. As inscricións poderán realizarse a partir do 10 de abril ás 10.00 horas. En todos os casos as persoas ás que se dirixe terán que anotarse a través do correo electrónico: a.pita@naron.es, debendo solicitar no mail a adhesión e incluíndo o nome, apelidos e idade do neno ou nena, o nome e apelidos do pai/nai ou titor, un correo electrónico e un teléfono de contacto. Para consultar máis información sobre as actividades programadas dende o Servizo de Normalización Lingüística de Narón pódese consultar a web: www.naronengalego.gal (no apartado de actividades).

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal