Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNS 350 ESCOLARES DA CIDADE PRESENTARON HOXE NO PAZO OS SEUS TRABALLOS DO "XXXII CERTAME INTERCENTROS"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, entregou parte dos premios xunto con edís da corporación local, o inspector territorial de Educación na zona e representantes dos centros de ensino
Narón, 11 de maio de 2023. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, asistiron esta mañá no Pazo da Cultura ao acto final da trixésimo segunda edición do “Certame Intercentros-Concello de Narón”, organizado este ano polo CEIP Plurilingüe Virxe do Mar e o Consistorio e ao que tamén acudiu Adrián Fernández, inspector territorial de Educación na zona. Uns 350 alumnos e alumnas de educación Infantil, Primaria e Secundaria de oito centros de ensino da cidade asistiron ao acto en representación dos preto de 700 que participaron na convocatoria. A rexedora local entregou os premios globais de participación aos representantes e directores/as dos CEIP Virxe do Mar, A Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros, A Gándara, CRA de Narón, CPI O Feal e os IES As Telleiras e Terra de Trasancos. Dous alumnos da Escola de Teatro de Narón, Alexis Sequeiro e Luis Pillado, foron os encargados de presentar este acto. Os traballos das modalidades de murais, conto, conto ilustrado e cómic permaneceron expostos ata hoxe no Pazo da Cultura. Tamén se entregaron, por parte da rexedora local, a edil de Ensino, representantes dos centros educativos e outros edís da corporación local –TEGA, PP e PSOE-, os premios correspondentes ás modalidades de canción en galego, teatro, expresión oral, audiovisuais, cómic, narrativa e poesía. No transcurso do acto actuaron os alumnos e alumnas de terceiro de Primaria do CEIP Piñeiros, que cantaron a canción “Rosalía”, premiada no certame; os de quinto de Primaria do Ponte de Xuvia, coa canción “Concello de Narón”, tamén galardoada no certame, o Coro Solidarium do IES Terra de Trasancos e o Peque Coro Solidarium do Concello de Narón, integrado por nenas e nenos de 6 a 11 anos. A maiores, entregouse o premio ao cartel anunciador do certame, realizado por Alicia del Río, alumna de sexto de Primaria do CEIP Plurilingüe Virxe do Mar. A continuación tomou a palabra a alcaldesa da cidade, que agradeceu a implicación do alumnado e dos centros de ensino que participaron na convocatoria. Ferreiro recordou que se trata dun acto moi consolidado na cidade e programado con motivo do Día das Letras Galegas, adicado este ano ao lucense Francisco Fernández del Riego, co fin de ensalzar a nosa lingua e a nosa cultura en xeral. “Con todas e todos vós queremos seguir celebrando o Día das Letras Galegas e por iso vos convido a asistir o vindeiro mércores á Praza da Lectura para desfrutar do variado programa deseñado para esta xornada”, asegurou a alcaldesa. Antes de rematar o acto anunciouse, como é tradición neste acto, o centro organizador da vindeira edición, que será o CRA de Narón. A coordinadora de dinamización lingüística do CEIP Virxe do Mar, Bibiana Ferreira, entregoulle o testemuño á súa homónima do CRA de Narón, Silvia Rodríguez.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal