Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A COMPAÑÍA NOVA GALEGA DE DANZA ESTREARÁ ESTE SÁBADO NO PAZO DA CULTURA O ESPECTACULO "BERRO"
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou esta mañá a peza xunto con Jacobo Sutil, director do Agadic, Julián Hernández Amoedo, responsable de Marketing de Vegalsa- Eroski (patrocinador principal da compañía), Jaime Pablo Díaz, director de Nova Galega de Danza e Sharon Fridman, director artístico de “Berro”
Narón, 25 de setembro de 2023. O Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón acolleu esta mañá a presentación do espectáculo “Berro”, que marcará o inicio dos actos de celebración dos vinte anos da compañía Nova Galega de Danza. A peza estrearase este sábado, día 30, ás 20.00 horas no Pazo da Cultura. Ao acto de presentación do espectáculo acudiron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; Jacobo Sutil, director do Agadic, Julián Hernández Amoedo, responsable de Marketing de Vegalsa- Eroski (patrocinador principal da compañía), Jaime Pablo Díaz, director de Nova Galega de Danza e Sharon Fridman, director artístico de “Berro”. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es. “Berro” é unha peza que procura recuperar a memoria colectiva e que representa o baleiro que supón ser individuos sós e illados nunha sociedade sen memoria que debe procurar o movemento que lle lembre o seu pasado. Nunha viaxe que conecta os estados emocionais, amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral - a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa- a través da experiencia colectiva, sentindo a transformación na expresión do corpo. Por medio de movementos pixelados que nacen do detalle, pausas, silencios e accións símbolo da lembranza ou a memoria da frase tradicional galega, como a expresión física e emocional, o elenco de bailaríns reproduce unha coreografía que conta coa dirección artística de Sharon Fridman, profesional israelí que ten traballado con agrupacións de todo o mundo e levado recoñecementos como o Premio Max á mellor coreografía. Nesta ocasión, ao habitual corpo de baile da compañía (no que se atopan o gañador dun Premio Max, Iván Villar, e os nominados Ricardo Fernández e Inés Vieites) súmase o director de Nova Galega de Danza, o ferrolán Jaime Pablo Díaz. A música estará asinada por Sergio Moure de Oteyza, nominado ao Goya á mellor banda sonora e habitual na equipa nestes vinte anos de percorrido. A alcaldesa da cidade asegurou que é un orgullo retomar a programación do Pazo coa estrea desta peza, desexando moita sorte á compañía con esta e as vindeiras funcións de “Berro”. Ferreiro destacou a importancia dos colaboradores e patrocinadores e do Agadic, polo respaldo ás compañías e á programación cultural do Concello. Dende o Agadic, Jacobo Sutil incidiu na traxectoria da compañía en canto a galardóns e representatividade e tamén polo seu compromiso coa cultura. “Narón é un concello que acolle moitas estreas e di moito e moi ben do traballo que se está facendo”. O responsable de marketing de Vegalsa Eroski explicou que o apoio a este espectáculo súmase a outros anteriores nos que colaboraron coa compañía, entre outras, e asegurou que “é un placer estar con Nova Galega de Danza e coa cultura galega”. Finalmente, en representación da compañía, Jaime Pablo Díaz, o director, agradeceu á alcaldesa a posibilidade de estrear este proxecto en Narón, o patrocinio de Vegalsa, e aos intérpretes e persoas que pasaron nestes 20 anos pola compañía a súa dedicación e apoio. “Queremos seguir e quixemos darlle unha volta ao que levamos facendo tantos anos, de ahí este espectáculo con Sharon Fridman, director artístico de "Berro", cunha gran traxectoria profesional iniciada no seu país, Israel. Pola súa banda, Fridman recoñeceu estar agradecido de coñecer á compañía. “Hai como retazos da memoria que necesita a comunidade para unilos e acadar facer de novo unha muiñeira e o que fixemos é coller pasos moi básicos e articulalos, co que fan as mans, a cabeza.. elaborando diferentes composicións. Eu quería crear un vacío onde o sentido da relación co folclore renacese de novo con sete persoas que están no escenario buscando o folclore ata que atopan a nai natureza, a muller galega”, explicou sobre a proposta, que definiu como “especial, en certo xeito fría e en certo xeito cálida” As seguintes representacións de “Berro” en 2023 serán o 28 de outubro en Ourense e o 2 de decembro en As Pontes. En 2024 haberá novas datas e actividades para continuar celebrando o aniversario dunha das primeiras compañías privadas de danza de Galicia. Nova Galega de Danza, creada en 2003, naceu coa vocación de innovar ao tempo que fusiona en vivo a danza e música de raíces galegas. Nestes vinte anos representou sete espectáculos: Credo (2022), Leira (2020), Son (2016), Dez (2013), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003). A compañía acolleu nos seus vinte anos unha escolma da cultura tradicional e contemporánea de Galicia a través de persoeiros como Mercedes Peón, Xurxo Fernandes, Rosa Cedrón ou Aida Tarrío (Tanxugueiras). Chegou a convertirse na primeira compañía de baile de Galicia en ser galardonada nos Premios Max das artes escénicas, certame promovido en ámbito nacional pola SGAE.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal