Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O RECINTO FEIRAL DO TRECE ACOLLERÁ O VINDEIRO DÍA 15 A "XXII FEIRA DO MEL E PRODUCIÓN PRIMARIA"
Os edís de Feiras, Mar Gómez, e Medio Ambiente, Manuel Ramos, presentaron a programación acompañados por Rafael Díaz, delegado de AGA en Ferrolterra
Narón, 5 de outubro de 2023. As instalacións do recinto feiral do Trece, en Sedes, acollerán o vindeiro día 15 a vixésimo segunda edición da Feira do mel e produción primaria. Unha convocatoria que presentaron esta maña no Concello os edís de Feiras, Mar Gómez, e Medio Ambiente, Manuel Ramos, acompañados polo delegado da Asociación Galega de Apicultura (AGA) en Ferrolterra, Rafael Díaz. A cita inclúe unha completa programación que se desenvolverá en horario de mañá e tarde, de 10.30 a 14.00 e dende as 16.00 ata as 20.00 horas e a entrada é de balde. No recinto feiral instalaranse unha vintena de postos de venda de mel e produtos alimenticios, que abrirán as súas portas ás 10.30 horas. A continuación comezará un variado programa con propostas para persoas de todas as idades. Ás 11.00 horas haberá un relatorio técnico sobre “Características e usos dos produtos da colmea”, que impartirá Gonzalo Calvo, un veterinario especializado en apicultura. Tamén a esa hora, e ata as 13.30, levaranse a cabo unha serie de obradoiros infantís (pintacaras, debuxos con abellas, elaboración de velas...) e unha degustación, de balde, de pan e queixo do país con Mel Cinco Estrelas –de 11.30 a 13.30-. Ás 12.30 horas comezará unha demostración culinaria e unha degustación de elaboracións con mel a cargo da técnica de AGA Noela Torres, e tralo remate do mesmo pechará a feira para reabrir de novo ás 16.30 con obradoiros infantís que rematarán sobre as 19.30. Ás 17.00 horas, e ata as 19.00, haberá outra degustación de balde, de pan e queixo do país con Mel Cinco Estrelas e ás 18.00 o técnico apícola Rafael Díaz impartirá un relatorio técnico sobre “A apicultura como actividade de ocio e tempo libre”. Ao longo de toda a xornada, pola mañá e pola tarde, desenvolveranse actividades divulgativas, cun posto de AGA no recinto feiral e tamén exposición de láminas didácticas monitorizadas e sorteos de cestos con produtos da feira entre os asistentes. Esta edición da Feira do mel e produción primaria rematará ás 20.00 horas. O representante de AGA especificou que das doce feiras do mel que se celebran ao ano en Galicia, esta será a primeira na que participarán produtores premiados no prestixioso concurso “Mel Cinco Estrelas”. Dos preto dun centenar de participantes no certame, dous dos gañadores son de Narón. Pola súa banda, a edil de Feiras recalcou que “esta é unha das feiras máis consolidadas na nosa cidade” e animou xunto co edil de Medio Ambiente á cidadanía de Narón e comarca a acudir ao evento “para desfrutar das diferentes actividades e tamén degustar e poder adquirir mel e outros produtos de gran calidade”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal