O CONCELLO ABRIU O PRAZO DE INSCRICIÓN NUN CURSO DE "LIMPEZA E XESTIÓN DOMÉSTICA"
A concelleira de Formación, Natalia Hermida, recordou que esta é a última acción que se convocará este ano do Programa Municipal de Formación
Narón, 9 de setembro de 2023. O Concello abriu hoxe, día 9, e ata o 17 deste mes -13.30 horas- o prazo de presentación de solicitudes para un curso de “Limpeza e xestión doméstica”. Trátase dunha convocatoria incluída no Programa municipal de Formación, segundo recordou a edil responsable da área, Natalia Hermida, e que consta dun total de 215 horas. A acción formativa diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, se ben tamén se pode anotar xente doutros concellos que optará ás prazas no caso de que non se cubran con veciñas e veciños de Narón.
Seguridade, hixiene e saúde nos procesos de limpeza, uso de produtos e lavado de roupa, limpeza no domicilio particular, cociña doméstica, operación de aprovisionamento e inventario de existencias no domicilio, merca, organización e manipulación de alimentos, acondicionamento de camas, prendas de vestir e roupa do fogar, lavado, pasado o ferro e arranxo básico de roupa no domicilio forman parte dos contidos. Aos mesmos engadiranse módulos transversais de sensibilización en Igualdade de xénero, medioambiental e técnicas de búsqueda de emprego/autoemprego. Así mesmo, un total de 100 horas destinaranse a prácticas profesionais non laborais.
O curso desenvolverase nas instalacións do Centro municipal Irmás Froilaz, na Gándara, en horario de 9.00 a 14.00 de luns a venres, e as prácticas nas instalacións das empresas colaboradoras nun horario que se determine, a razón de seis horas diarias.
As persoas interesadas en anotarse deben facelo no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Para máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello, ou a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).
A concelleira de Formación animou ao colectivo ao que se dirixe esta acción a anotarse na mesma, se é do seu interese, e agradeceu a colaboración das empresas nas que realizará as prácticas o alumnado “ofrecendo unha excelente oportunidade para que poñan en práctica todo o aprendido durante o curso”.
Hermida sinalou que esta acción formativa é a última que se convocará este ano e avanzou que “estamos xa traballlando na programación da área de formación para o vindeiro ano e 2025”.