Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DESTINA UNS 212.000 EUROS Á MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NA RÚA DA GARDA
O edil de Obras, Pablo Mauriz, destacou as melloras que se acompeterán no vial co fin de incrementar a seguridade de vehículos e peatóns e a eficiencia enerxética
Narón, 12 de marzo de 2024. A empresa adxudicataria traballa dende hai uns días na rúa da Garda, onde dende o Concello se impulsa un proxecto de mellora da seguridade viaria. O concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, explicou que se trata dunha intervención orzamentada en preto de 212.000 euros, unha contía coa que se porá en valor un dos viais principais da zona urbana da cidade. Os traballos proxectados teñen un prazo de execución de catro meses. As obras actualmente en execución enmárcanse no Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Narón. A actuación consistirá na reforma da beirarrúa e os servizos que discurren por ambas marxes da rúa da Garda, así como a mellora do firme da propia calzada, a súa sinalización e a humanización do entorno. A rúa da Garda construíuse hai uns quince anos e pouco a pouco, tal e como consta na memoria dos traballos, foise convertindo nun vial fundamental, polo que se procede a acometer esta intervención que afectará aos servizos, accesibilidade e seguridade de peóns e vehículos que transiten pola zona. As obras proxectáronse no tramo inicial do vial, entre a estrada de Castela e a rúa Santa Tecla. O tramo é na actualidade un eixo fundamental nos accesos á zona urbana, incrementándose o seu uso coa entrada en funcionamento do novo centro de saúde. A zona peonil da rúa incrementarase considerablemente, pasando dos actuais 620 metros cadrados a 1.100 metros cadrados trala intervención proxectada. Así mesmo, mellorarase a iluminación e a eficiencia enerxética, instalarase unha nova rede de recollida de pluviais, reducirase o ancho da calzada para reducir a velocidade dos vehículos que transitan por ela, reporanse pavimentos e plantaranse na contorna especies arbóreas para crear un pequeno bulevar, tal e como se contempla no proxecto dos traballos. Co fin da obra xeraranse percorridos máis seguros para os peatóns cara aos pasos peonís, con áreas seguras para a espera e tamén na marxe dereita se modificará a sección lonxitudinal para mellorar os futuros accesos aos garaxes e zona comercial.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal