Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO PROGRAMOU OITO NOVAS ACTIVIDADES DOS PROGRAMAS APEGO E GUIZO DIRIXIDAS A MENORES E AS SÚAS FAMILIAS
A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, anunciou a apertura do prazo de inscrición nas actividades
Narón, 25 de marzo de 2024. A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, presentou as actividades que dende o Concello se levarán a cabo entre os meses de abril e xuño no marco dos programas Apego e Guizo. A edil naronesa recordou que xa permanece aberto o prazo de inscrición nestas propostas, todas elas de balde e dirixidas a menores. No que respecta ao programa Apego, a concelleira destacou a variedade das actividades propostas, entre as que se inclúen contos, teatro, maxia e música que se levarán a cabo, nas cinco xornadas propostas, no Centro Cívico Social de San Xiao ás 17:00 horas. O día 3 de abril terá lugar Bichocas, de Xarope Tulú, un espectáculo para a primeira infancia (0 a 6 anos) onde os obxectos farán viaxar a través do mundo animal. O 17 de abril será o turno de A avoa Mariña, de Cris Caldas e Xabi do Camiño. Neste caso é unha proposta recomendada para menores a partir de 6 meses na que os contos e os xogos serán os protagonistas. No mes de maio continuará a programación de Apego o día 8 con Patapatún, de O Mago Paco, un divertido espectáculo de maxia para menores de 1 a 4 anos e as súas familias. A continuación, o 22 de maio, terá lugar As sementes da felicidade, de Miudiño, unha adaptación dun conto de Jean Giono no que se mostra a importancia das árbores para a vida no planeta. Está dirixido, neste caso, a nenas e nenos de 3 a 6 anos. A última das propostas de Apego para esta primavera será Foliada, con Pablo Díaz e Olga Kirk. Os menores de 0 a 6 anos son os destinatarios deste encontro, con música e baile. O programa Guizo, tal e como avanzou María Lorenzo, regresa á cidade con máis actividades para coidar a natureza e a lingua. É un proxecto para nenas e nenos de 6 a 12 anos e as súas familias, que se programou tres días, a partir das 11:00 horas, dous deles no Centro Cívico Social do Couto. Esta iniciativa terá continuidade o 20 de abril cun obradoiro de Encadernación ecolóxica no que os participantes reutilizarán cartón, retallos, trapos vellos… para elaborar as súas propias axendas e cadernos, aprendendo a encadernación por encolado. A seguinte xornada será o 25 de maio, cun obradoiro, Petos de primavera, para que as familias aprendan a decorar unha bolsa de tea coa técnica hapa zome e coñecer as flores e plantas da contorna, empregándoas nas impresións. A terceira proposta do programa Guizo será o 23 de xuño, coa Recolleita de herbas de San Xoán, na que as persoas que acudan coñecerán a tradición asociada a esas herbas e os seus usos. Esta convocatoria levarase a cabo nun lugar aínda por determinar. En todas as actividades os menores deberán ir acompañados dunha persoa adulta. As inscricións deben realizarse a través do correo electrónico: a.pita@naron.gal, indicando o nome da actividade, o nome e idade da nena ou neno, o nome do pai/nai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Para máis información pódese consultar a web: www.naronengalego.gal, no apartado de actividades.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal