Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ALUMNADO DO IES AS TELLEIRAS PARTICIPOU A TRAVÉS DO CONCELLO NO PROXECTO XERA COA INICIATIVA "FROITAS E VERDURAS EN GALEGO"
A concelleira en funcións de Ensino, desprazouse con escolares e persoal docente á froitería Claudia para entregar o material desta iniciativa
Narón, 30 de maio de 2023. A concelleira en funcións de Ensino, Mercedes Taibo, desprazouse esta tarde á froitería Claudia, no Centro Comercial Narón, para participar nunha das iniciativas do proxecto Xera, impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística de Narón. A través desta iniciativa alumnado de cuarto da ESO do IES As Telleiras desenvolveu durante o actual curso a proposta normalizadora “Froitas e verduras en galego”, cuxos resultados se fixeron públicos esta tarde co deseño que realizaron co nome de froitas e verduras en galego e que se repartiu entre froitarías de Narón en diferentes formatos. Carmen Gálvez, Claudia Rego, Uxía López, Ayelén Rodríguez, Marcos Vidal, Bianca Mouriz, Blanca Vidal, María Teresa Pacheco, Raúl Villares e Alba Vieito foron os escolares que desenvolveron a citada proposta normalizadora. Os escolares contaron co apoio de Verónica Hermida e Estefanía Mosquera, docentes do IES As Telleiras. Os carteis, a maiores de na froitaría Claudia, estarán tamén colgados nas restantes que colaboraron co alumnado: Pan de Fruta, Frupan, Claudia Frutas y Verduras, A Tenda de Chelo, Améndoa, Alvariño, Tenreiro e o Covirán do Alto do Castiñeiro. Dende o Concello informouse de que, a maiores, na oficina do Servizo de Normalización Lingüística do Consistorio, no quinto andar, as froitarías e tendas que vendan froita e verdura na cidade poden recoller carteis desta iniciativa e tamén xogos de cartas, no caso de que queiran contar con este material nos seus establecementos para difundilo entre a clientela. “O obxectivo desta proposta é incrementar a presenza do galego nas froitarías de Narón”, explicou Taibo, indicando que cos carteis se amosan os nomes das froitas e verduras en galego para que a clientela se anime a mercalas utilizando a nosa lingua. A maiores dos carteis, tal e como indicou, tamén se entregaron nos citados establementos xogos de cartas infantís coas froitas e verduras deseñadas polo alumnado para repartir entre a clientela máis nova e achegarlle así recursos infantís en galego ás nenas e nenos para promover o uso desta lingua neste grupo de poboación, factor fundamental para o futuro do idioma. O proxecto Xera busca aproveitar as propostas normalizadoras que nos achega o alumnado de ESO para incrementar a presenza da lingua galega no municipio, podendo participar neste todos os centros educativos de Narón. Para máis información sobre este proxecto pódese consultar a web do Servizo de Normalización Lingüística de Narón: www.naronengalego.gal, podendo descargar o material do proxecto Xera –carteis, as follas voandeiras, publicacións para Facebook e Instagram e o xogo de cartas- a través do enlace: https://naronengalego.gal/dinamizacion/#xera.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal