Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O INJUVE INCLUÍU OS OBRADOIROS DE PREVENCIÓN E INFORMACIÓN DE LUDOPATÍAS EN MENORES NO "II CATÁLOGO DE EXPERIENCIAS LOCAIS DE XUVENTUDE"
A concelleira de Cooperación no Ensino e Bibliotecas, Olga Ameneiro, agradeceu a implicación e dedicación das persoas que traballaron neste proxecto municipal
Narón, 1 de xullo de 2023. A concelleira de Cooperación no Ensino e Bibliotecas, Olga Ameneiro, informou que o Instituto de la Juventud de España (Injuve) incluíu os Obradoiros de prevención e información de ludopatías en menores, impulsado dende o Concello naronés, no “II Catálogo de experiencias locais de xuventude”. Así o trasladou ao Concello a directora da División de Programas do Injuve, Tania Minguela, a través do pertinente certificado. Así mesmo, dende o Injuve agradeceron a participación da cidade na Convocatoria de experiencias locais de xuventude RedSU 2023 e felicitaron á administración local por resultar seleccionado o seu proxecto para o citado catálogo, tal e como explicou a edil naronesa. “A finalidade é difundir e compartir este proxecto con outros centros de información xuvenil, un proxecto no que o Concello leva traballando catro anos coa poboación adolescente e as súas familias”, apuntou Ameneiro. Foi no ano 2019 cando se iniciou Fóra de xogo, un proxecto pioneiro sobre prevención de ludopatía en menores e que se levou a cabo nos centros de ensino da cidade, coa participación de preto de 350 escolares de terceiro e cuarto curso da ESO, Formación Profesional e unha vintena de familias, recordou. No ano 2020 retomouse o proxecto e dende entón mantense esa continuidade. “A través do programa ofrecemos orientación aos menores e ás familias para tratar de previr problemas moi de actualidade entre o colectivo, como o mal uso de internet e os videoxogos, o uso das redes sociais na adolescencia, os xogos con apostas e os riscos de adición a estas condutas”, explicou a concelleira. Ameneiro subliñou a importancia de ofrecerlle á sociedade unha serie de ferramentas para evitar condutas adictivas, como é o caso da ludopatía e, ao mesmo tempo, sensibilizala sobre esta problemática que, lamentablemente, afecta a moitas rapazas e rapaces. Obradoiros de prevención e información de ludopatías para alumnado e para as familias son as actividades enmarcadas neste proxecto, impartido pola pedagoga experta en adicións Anabel Mosquera e para o que tamén se contou coa colaboración da Universidade de Santiago, concretamente de Antonio Rial, doutor en psicoloxía social e profesor na USC. O Servizo Sociocomunitario Municipal de Narón encargouse da coordinación deste proxecto. “A todas as persoas que o fixeron posible, alumnado, profesorado, familias, profesionais na materia e persoal do Servizo Sociocomunitario, quero agradecerlles a súa gran implicación e dedicación para que este proxecto tivese tan boa acollida e sexa a día de hoxe un referente e un modelo a seguir fóra de Narón”, asegurou a concelleira de Cooperación no Ensino e Bibliotecas.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal