Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CICLO CINE DE VERÁN ORGANIZADO POLO PADROADO DA CULTURA COMEZA O VINDEIRO XOVES EN SEDES
A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, avanzou que haberá un total de seis proxeccións, todas de balde, na zona urbana e rural
Narón, 3 de xullo de 2023. O Padroado da Cultura, en colaboración coa Deputación da Coruña, organiza unha nova edición do ciclo “Cine de Verán”. A programación deste ano contempla un total de seis proxeccións, todas elas de balde, en diferentes ubicacións da zona urbana e rural, sempre a partir das 22.30 horas. A primeira cita, tal e como avanzou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, será este xoves, día 6, no centro cívico social de Sedes, onde se poderá ver “A Galiña Turuleca”. O público poderá desfrutar das aventuras dunha galiña moi singular, e de cuxo aspecto se burla o resto do galiñeiro, pero que tras ir a vivir a unha granxa descubrirá que pode falar e cantar dun xeito moi peculiar. A segunda proxección será este mesmo venres, na pista polideportiva de San Xiao, co filme “Space Jam nuevas leyendas”. LeBron James, unha superestrela da NBA únese a Bugs Bunny e outros personaxes dos Looney Tunes para enfrontarse nunha cancha de baloncesto contra os Goons nun desafío moi importante que servirá para transformar o vínculo entre un pai e o seu fillo. A vindeira semana poderase ver o mércores 12 “Raya y el último dragón”, na Praza da Gándara, e o venres 14 “Los demonios de barro”, no centro cívico social do Val. No primeiro caso, os espectadores coñecerán o fantástico mundo de Kumandra, no que humanos e dragóns conviviron en harmonía pero vivirán unha situación de ameaza coa que terán que loitar para volver a unir ao seu pobo. No caso de “Los demonios de barro” a protagonista da historia é Rosa, unha profesional moi valorada no sector empresarial e que trala morte do seu avó ten un ataque de estrés que lle fará replantearse a súa vida, abandoando a cidade na que vivía para ir na procura dos recordos da súa infancia, moi vencellada ao seu avó. As últimas proxeccións de “Cine de verán” serán os días 20 e 21 de xullo, cos filmes “Trolls 2” na rúa Francisco Pizarro (A Solaina) e “Spirit indomable”, na praza do colexio de Xuvia. “Trolls 2” é a historia de Poppy e Branch, dous aventureiros que se percatan que existen varias tribus de trolls a maiores da súa e que están relacionadas cada unha cun estilo musical. Así mesmo, “Spirit indomable” amosará a vida de Lucky Prescott, cuha vida que cambiará radicalmente cando deixa de vivir na cidade para irse a un pequeno pobo fronteirizo no que se fará moi amigo dun cabalo salvaxe, Spirit. “A través deste ciclo de cine descentralizamos novamente a oferta cultural na cidade, levando a sétima arte a espazos públicos da zona urbana e rural nunha proposta dirixida ás nenas e nenos e as súas familias”, recalcou Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal