Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O JAZZ DE RÍA PRESENTA UN PROGRAMA DE CATRO DÍAS PARA VIVIR A RITMO DE JAZZ NA COSTA ÁRTABRA
A programación presentouse hoxe en Narón coa presenza, entre outros, da alcaldesa da cidade, os rexedores municipais de Neda, Valdoviño e Cedeira, edís e técnicos culturais dos concellos
Narón, 11 de xullo de 2023.- Esta mañá presentouse no Parque de Freixeiro de Narón a sétima edición Jazz de Ría, que se celebrará do 18 ao 21 de agosto en escenarios de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño, que este ano se incorpora ao festival. Na presentación participaron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; o alcalde de Neda Ángel Alvariño; o alcalde de Cedeira, Pablo D. Moreda; Alberto González, o alcalde de Valdoviño; e a directora do festival, Aitana Cuétara. Tamén asistiron ao acto, Marián Bello, concelleira de Cultura de Neda; Tamara Sabín, concelleira de Cultura de Valdoviño; Luciano Fernández, director técnico do Padroado de Cultura de Narón; Quique Vázquez, técnico de Cultura de Cedeira; Rita Díaz, técnica de Cultura de Valdoviño; e Juan Antonio Mareque Maneiro, de Cervezas Alhambra. A directora do festival, Aitana Cuétara que destacou a incorporación de Valdoviño, que responde, en palabras da directora "á vocación que ten este festival de ampliar territorio e público para achegar a música jazz ás veciñas e veciños da comarca con propostas capaces de facer gozar a amantes do xénero e tamén a persoas que se achegan a este tipo de música por primeira vez". En canto ao programa, Cuétara explicou que nesta edición o festival presenta un feixe de propostas diversas pensadas para gozar durante catro xornadas de todas as cores do jazz en localizacións privilexiadas da costa ártabra; "Cada concerto, cada actividade, pensouse sempre en función da paisaxe, do espazo... O patrimonio, natural, histórico ou arquitectónico, material ou inmaterial, é o cabeza de cartel deste festival, no que as escollas artísticas teñen que encaixar sempre no territorio e na filosofía sustentable pola que apostamos", explicou a directora. Sobre a proposta artística, Cuétara engadiu que sempre se procura "un equilibrio entre o jazz galego e os proxectos máis interesantes do jazz estatal, apostando polo intercambio e a colaboración con artistas e festivais doutros lugares, e o concerto de apertura desta edición é unha boa mostra". As persoas representantes das institucións coincidiron en dar a benvida ao Concello de Valdoviño. O seu alcalde, Alberto González asegurou que "queríamos estar nun festival vencellado ao patrimonio e á paisaxe como o Jazz de Ría, e tamén queríamos formalizar un arco de traballo entre todos os concellos precisamente nun espazo costeiro de tanto valor". Sobre a importancia dos enclaves tamén falou o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda que destacou que este ano haberá escenario no Castelo da Concepción coa ría de fondo e mostrouse moi satisfeito por poder repetir despois da fantástica experiencia do ano pasado "para consolidar este festival que aumenta en espectadores e territorio". Pola súa parte, o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, lembrou o éxito das anteriores edicións e manifestou que "esta unión é fundamental para que concellos pequenos e con recursos limitados como o noso poda contar con propostas de tanta calidade como o Jazz de Ría". Por último, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, declarou que grazas ao festival, Narón cubre unha música que non se atendía co resto da programación e consolida o Parque de Freixeiro como escenario para este estilo musical. O venres, arranque flamenco Será precisamente no Parque de Freixeiro onde o Jazz de Ría arrancará o venres 18 de agosto ás 21.30 horas. Alí, o guitarrista flamenco Josemi Carmona e o pioneiro da fusión entre o jazz e o flamenco, Jorde Pardo, despregarán un espectáculo que non é nada fácil presenciar, xa que os dous están de xira continua cos seus propios proxectos. O seu concerto en Freixeiro é un agasallo para o Jazz de Ría, unha oportunidade case única de disfrutar de dous dos máis grandes referentes da música española nun formato íntimo, honesto e cheo de amizade, no que ademais van contar coa colaboración do percusionista galego Moisés Fernández. O sábado, romaría swing Para o sábado, o festival ten preparada unha romaría swing durante toda a xornada no Parque de Freixeiro que empezará ás 13.00 horas cunha sesión vermú de Stompy Seven Jass Band reinterpretando os clásicos do jazz de Nova Orleáns nos anos 20. Continuará pola tarde, ata as 23.00 horas, cunha aula aberta de baile lindy hop a cargo da escola Swing On; un concerto itinerante ao máis puro estilo fanfarria ou banda gypsy a cargo de Os Bregadiers; un obradoiro de fabricación de instrumentos de percusión con material de refugallo para crianzas impartido pola Escola da Vaca; e unha sesión de DJs Swing On. A romaría rematará ben entrada a noite co swing dos anos 30, 40 e 50 de St. James Dixie Band e Por mí, Swing, que seguirán achegando propostas bailables de lindy hop, claquette, balboa, charleston ou collegiate shag..., estilos que que cada vez teñen máis adeptos. Un domingo entre Neda e Cedeira O domingo o festival muda de escenario. Ás 13.00 horas a Ribeira de San Nicolás, en Neda, será o maravilloso pano de fondo para o neosoul en galego da banda Udra premiada na última edición dos premios Martín Códax da Música. Pola tarde en Cedeira, a programación comezará ás 18.30 horas cun roteiro polo Sarridal que sairá do porto de Cedeira para rematar no Castelo da Concepción cos relatos musicados, dende as 19.30 horas, do espectáculo 'Amares' no que Rilo & Penadique recrean historias de mulleres do mar. Pola noite, ás 21.30 horas, no parque de San Isidro, Xosé Miguélez & Jean-Michel Pilc Quartet envolverán ao público nunha espiral de procura sonora e invención musical, na que o jazz será experimental ou non será. Peche nos balcóns do Atlántico O luns o Jazz de Ría pechará esta sétima edición nos impresionantes escenarios naturais de Valdoviño. A programación desta última xornada comezará pola tarde, ás 19.00 horas, co roteiro Balcóns ao Atlántico que sairá da Praia do Baleo e que contará con dúas paradas musicais en miradoiros nos que o público poderá escoitar as propostas de Fausto Escrigas e Lorena Cachito. O concerto de peche será ás 21:30 na Praia do Baleo, onde a vocalista e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher despregará a súa colorida e enérxica proposta "But Life Is Beauty Full", un concerto ecléctico e emocionante neste fin de festa que percorrerá un mundo de sonoridades e linguas diversas, como o propio festival. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o roteiro Balcóns ao Atlántico e o obradoiro da Escola da Vaca, para o que será preciso facer inscrición de balde. As inscricións abriranse o 1 de agosto na web do festival. O Roteiro de Sarridal e Balcóns ao Atlántico non están recomendados para persoas con mobilidade reducida. Por segundo ano consecutivo, o Jazz de Ría conta co apoio de Cervezas Alhambra, dentro da súa aposta pola creación de experiencias musicais únicas pensadas para disfrutar sen prisa e cos cinco sentidos. Unha costa unida polo jazz e a sostibilidade Ao longo de seis edicións, o festival logrou unha importante colaboración e un necesario diálogo entre as localidades que o acolleron, unidas polo mar, a tradición marítima e industrial, e a paisaxe natural. A participación da veciñanza e a recuperación da memoria son tamén parte da filosofía deste festival que unha vez máis presentará un programa sostible e responsable no que eliminará ao 100% o plástico dun só uso empregando billas de auga da traída para o público e repartindo botellas reutilizables para as equipas artísticas e técnicas. Ademais, empregaranse envases retornables retornables nas barras e reeditarase tamén a Operación Ecovaso para animar público a levar o seu propio ecovaso, reutilizando e dándolle outra vida aos que temos na casa doutros festivais. Para as persoas que non leven o seu ecovaso, haberá nas barras vasos de cartón reciclado e 100% reciclables. Así mesmo, o festival traballa con filosofía kilómetro 0 procurando que todo o que se sirve no catering para artistas sexa de comercio local e distribuído ou/e cociñado por empresas da zona, evitando plásticos e apostando por materiais dun só uso compostables ou de cartón. Para a xestión dos residuos, o festival ten un acordo con Ecoembes, que coloca nos recintos papeleiras de diferentes cores ben indicadas para separar correctamente o lixo. E dentro da sustentabilidade social, a organización pon especial cuidado na escolla de localizacións amables, cómodas e seguras para todo tipo de persoas en canto a accesos, volume, luz, visibilidade e mobilidade. Un exemplo é a colaboración co campamento de verán para persoas con diversidade funcional, para as que se reserva en cada concerto de Narón unha parte do aforo nun lugar axeitado ás súas necesidades. E no ámbito da igualdade, conscientes da enorme descompensación de xénero no jazz, cada ano procúrase diversidade tanto enriba dos escenarios, como na equipa do festival, integrada na súa maioría por mulleres. Un ano máis, o Jazz de Ría tinguirá coas cores do de jazz as vilas da costa ártabra co propósito de converter á comarca de Ferrolterra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz; unha referencia non só musical, se non tamén turística, desde a sostibilidade e a responsabilidade co entorno natural e social, que lle valeu en 2021 un recoñecemento extraordinario nos Premios Martín Códax da Música. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o roteiro Balcóns ao Atlántico e o obradoiro da Escola da Vaca, para o que será preciso facer inscrición de balde. As inscricións abriranse o 1 de agosto na web do festival. O Roteiro de Sarridal e Balcóns ao Atlántico non están recomendados para persoas con mobilidade reducida. Por segundo ano consecutivo, o Jazz de Ría conta co apoio de Cervezas Alhambra, dentro da súa aposta pola creación de experiencias musicais únicas pensadas para disfrutar sen prisa e cos cinco sentidos. Unha costa unida polo jazz e a sostibilidade Ao longo de seis edicións, o festival logrou unha importante colaboración e un necesario diálogo entre as localidades que o acolleron, unidas polo mar, a tradición marítima e industrial, e a paisaxe natural. A participación da veciñanza e a recuperación da memoria son tamén parte da filosofía deste festival que unha vez máis presentará un programa sostible e responsable no que eliminará ao 100% o plástico dun só uso empregando billas de auga da traída para o público e repartindo botellas reutilizables para as equipas artísticas e técnicas. Ademais, empregaranse envases retornables nas barras e reeditarase tamén a Operación Ecovaso para animarao público a levar o seu propio ecovaso, reutilizando e dándolle outra vida aos que temos na casa doutros festivais. Para as persoas que non leven o seu ecovaso, haberá nas barras vasos de cartón reciclado e 100% reciclables. Así mesmo, o festival traballa con filosofía kilómetro 0 procurando que todo o que se sirve no catering para artistas sexa de comercio local e distribuído ou/e cociñado por empresas da zona, evitando plásticos e apostando por materiais dun só uso compostables ou de cartón. Para a xestión dos residuos, o festival ten un acordo con Ecoembes, que coloca nos recintos papeleiras de diferentes cores ben indicadas para separar correctamente o lixo. E dentro da sustentabilidade social, a organización pon especial cuidado na escolla de localizacións amables, cómodas e seguras para todo tipo de persoas en canto a accesos, volume, luz, visibilidade e mobilidade. Un exemplo é a colaboración co campamento de verán para persoas con diversidade funcional, para as que se reserva en cada concerto de Narón unha parte do aforo nun lugar axeitado ás súas necesidades. E no ámbito da igualdade, conscientes da enorme descompensación de xénero no jazz, cada ano procúrase diversidade tanto enriba dos escenarios, como na equipa do festival, integrada na súa maioría por mulleres. Un ano máis, o Jazz de Ría tinguirá coas cores do de jazz as vilas da costa ártabra co propósito de converter á comarca de Ferrolterra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz; unha referencia non só musical, se non tamén turística, desde a sostibilidade e a responsabilidade co entorno natural e social, que lle valeu en 2021 un recoñecemento extraordinario nos Premios Martín Códax da Música.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal